Os voluntarios do Prestige recibirán unha medalla en recoñecemento á súa implicación
O 13 de novembro cúmprense 15 anos do "peor desastre ecolóxico da historia" da Costa da Morte.
O 13 de novembro cúmprense 15 anos.
O próximo 13 de novembro, cando se cumpre o XV aniversario da catástrofe do Prestige, a Asociación Nacional de Agrupacións e asociacións de Voluntarios de Protección Civil (Anav) fará entrega en Camariñas das Medallas de Recoñecemento ás persoas que participaron no operativo de limpeza das costas do municipio para agradecer a súa implicación e solidariedade.
O Concello de Camariñas expresa así o seu "recoñecemento" a todas as persoas que investiron "o seu tempo e o seu esforzo" para "conseguir que as costas do municipio se recuperasen do peor desastre ecolóxico da súa historia".
Por iso, está aberto o prazo para que os que foron voluntarios na zona e estean no rexistro das 5.468 persoas de 14 países que estiveron en Camariñas hai 15 anos, soliciten a medalla con Distintivo Branco ou con Distintivo Punto Cero, esta última para persoas que prestasen servizos dentro de entidades incluídas no Sistema Nacional de Protección Civil ou Defensa Nacional.
O Concello de Camariñas quere facer tamén un recoñecemento especial ao persoal municipal, ao da agrupación de protección civil de Camariñas e á poboación local que "dedicou naqueles días un tempo de valor incalculable ás tarefas de coordinación dos grupos de voluntarios", ao seu transporte, manutención, aloxamento ou atención sanitaria. Este recoñecemento incluirá a entrega de medallas a título póstumo a algunhas persoas xa falecidas.
Escribe o teu comentario