O Códice Calixtino pasa a formar parte do rexistro da memoria do mundo da Unesco
A Unesco incorpora tamén outras dúas candidaturas presentadas por España a este rexistro.
O Códice Calixtino pasou a formar parte do rexistro da memoria do mundo da Unesco, segundo informou o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
A candidatura do Códice Calixtino da Catedral compostelá, formulada pola Xunta de Galicia no consello xacobeo e apoiada por todos os seus membros, foi ademais ampliada pola Subdirección Xeral dos Arquivos Estatais do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte coa incorporación de todas as copias medievais do Liber Sancti Iacobi que se conservan na Catedral de Santiago, no Arquivo da Coroa de Aragón, na Biblioteca Xeral Histórica da Universidade de Salamanca, na Biblioteca Nacional portuguesa e na Biblioteca Nacional española.
O ministro Íñigo Méndez de Vigo celebrou que a Unesco incorpore, ademais desta, as outras dúas candidaturas presentadas por España neste rexistro.
Así, coa recomendación do Comité Consultivo Internacional do programa Memoria do Mundo, o Arquivo Xeral de Simancas, o arquivo de Ramón e Cajal e o Códice Calixtino pasan a formar parte deste rexistro que inclúe os testemuños documentais máis importantes da Historia da humanidade.
Escribe o teu comentario