Telefónica restablece a rede móbil afectada polos incendios

|

TelefoniamovilantenaAntena de telefonía móbil.

Os equipos de Telefónica lograron restablecer toda a rede móbil afectada pola onda de incendios rexistrada hai unha semana en Galicia, mentres que proseguen os traballos na rede fixa, que resultou "gravemente danada", e que poden prolongarse durante un mes nas zonas máis afectadas.


Segundo informa a compañía nun comunicado, a situación da rede fixa "é moito máis grave". "Os equipos de Telefónica e as súas empresas colaboradoras enfróntanse a un nivel de devastación da infraestrutura fixa inédito ata o momento, sobre todo en concellos como As Neves, Baiona, Gondomar Ponteareas e Soutomaior, onde o lume esnaquizou a rede troncal -a vía principal de comunicación á zona- e tamén a rede de distribución que enlaza cos núcleos de poboación e de aí coas propias casas", explica.


No conxunto dos concellos afectados, estas redes suman 85 quilómetros de cable, "pero só nas Neves os técnicos de Telefónica deberán tender 15 quilómetros", puntualiza a compañía.


"Trátase de infraestruturas que custou anos levantalas, situadas en contornas orograficamente complexas e onde por problemas de seguridade é inviable operar de noite nestes momentos, polo que se estima que os traballos, nalgúns casos, poderán prolongarse durante un mes", concreta.


Neses cinco concellos rexístrase en conxunto 1.346 clientes afectados, segundo os datos de Telefónica. Ademais, "tamén en Mondariz segue habendo dificultades, aínda que menos severas que nos outros municipios mencionados", puntualiza.


Doutra banda, por parte da dirección de Telefónica en Galicia sublíñase que "se está contactando cos alcaldes das zonas afectadas para explicarlles con detalle a situación e pedir tamén a máxima colaboración á hora de axilizar os permisos municipais que no seu caso poidan ser necesarios para o tendido da nova rede".


relacionada Telefónica mobiliza máis de 350 traballadores para reparar os danos dos incendios

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress