Telefónica mobiliza máis de 350 traballadores para reparar os danos dos incendios
As comunicacións duns 8.000 clientes da compañía víronse afectadas, entre liñas fixas e conexións móbiles.
Antena de telefonía móbil.
Máis de 350 persoas, entre persoal propio de Telefónica e de empresas colaboradoras, traballan desde este luns sobre o terreo no sur de Galicia para tratar de reparar os problemas de comunicacións provocados pola onda de incendios.
A estes equipos súmase, ademais, a xestión en remoto de avarías, coordinada desde o Centro Nacional de Acceso Inalámbrico con sede na Coruña, que conta co apoio doutros centros en distintos puntos de España.
Nestes momentos, as comunicacións duns 8.000 clientes foron afectadas polos incendios. Trátase non só das comunicacións fixas, senón tamén das móbiles en determinadas áreas, xa que se queimaron as conexións terrestres entre as estacións base e as centrais.
Noutros casos, cortouse a subministración eléctrica ás estacións base, cuxos equipos eléctricos de emerxencia teñen unha autonomía limitada. Hai outras zonas nas que se están despregando tendidos alternativos para recuperar o servizo.
Os efectivos de Telefónica están a tratar de repoñer o servizo "á maior celeridade", pendentes, en moitos casos, de que a Garda Civil permita o acceso ás zonas onde a situación é máis complexa, e desprazando grupos electróxenos a estacións base que se quedaron sen subministración eléctrica.
Escribe o teu comentario