Amigos da Terra rexeita as "mentiras" de Medio Rural sobre as críticas á súa política forestal
A conselleira quíxoas atribuír ao "rédito electoral", argumentando que "non dixeron nada ata o 30 de setembro".
A actitude da conselleira de Medio Rural ante as críticas á súa política forestal tamén está a espertar o rexeitamento das organizacións.
Amigos da Terra, a través dun comunicado, censura as declaracións de Ángeles Vázquez nas que manifestou que "de aquí en diante haberá quen queira sacar rédito electoral. O que digo é que estou á beira do colectivo, coma sempre. Pero se non dixeron nada ata o 30 de setembro, por que agora saímos con isto?".
A organización "lamenta esta actitude de enganos e mentiras, o intento de desviar a atención, non asumir responsabilidades e non buscar solucións, que as hai".
E é que Amigos da Terra argumenta que, de palabra dentro do Consello Forestal e por escrito no rexistro, solicitaron xa o 10 de xullo "a creación dunha Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais", ademais de presentar queixas e propostas ante "a falta de políticas apropiadas de prevención".
Ademais, lembran que a conselleira sempre está presente nas reunións do Consello Forestal, polo que si sabe das demandas" presentadas.
"O silencio lamentablemente sempre foi a respostas dada polos responsables políticos da Xunta", critican.
Escribe o teu comentario