Galicia é a terceira comunidade que máis aumenta a contratación en Nadal
Espéranse máis de 22.000 contratos para esta campaña, aínda que a inmensa maioría deles, temporais.
A campaña de Nadal xerará 22.095 contratos en Galicia, un 13,7 por cento máis que o ano anterior, alcanzando a mellor cifra de contratación da historia na rexión, segundo as previsións de Randstad, que xustifican estes cálculos nas perspectivas de crecemento económico e o comportamento do mercado laboral.
No conxunto do Estado, serán 387.750 contratos en comercio, hostalería, e loxística e transporte, cifra un 11,1% superior á do ano anterior.
Dentro da serie histórica, o dato máis baixo da serie corresponde á campaña de 2008/2009, cando os contratos realizados por Nadal foron menos de 185.000. Entre 2012 e 2017 o incremento das contratacións en Nadal alcanza o 92,8%.
"As boas previsións para a campaña de Nadal son a confirmación da recuperación do mercado laboral, xa que nos situamos ante a mellor cifra da historia tras cinco anos de crecemento consecutivo por encima dos dous díxitos", destacou o director de Relacións Institucionais de Randstad, Luís Pérez.
ESTACIONALIDADE
Do mesmo xeito que na campaña de Nadal anterior, este ano todas as rexións e provincias rexistrarán un incremento da contratación. Asturias (+14,7%), País Vasco (+14,4%) e Galicia (+13,7%) serán as comunidades que máis aumenten a incorporación respecto de 2016.
Os sectores que impulsan a xeración de emprego en Nadal con aqueles directamente relacionados co consumo e o turismo: comercio, hostalería e transporte e loxística. A estacionalidade desta época do ano xera un elevado volume de contratacións temporais. Os contratos adoitan empezar en novembro e alongarse ata finais de xaneiro.
Escribe o teu comentario