Organizacións defensoras da sanidade pública preparan unha gran manifestación en novembro
Chaman a toda a sociedade a unirse á mobilización fronte á "desfeita e ataque" por parte dos gobernos e os lobbys.
Manifestación do 8 de outubro en Monforte. Foto: @alvarota
Varios colectivos convocaron unha manifestación en Santiago para o sábado 18 de novembro contra "a destrución" da sanidade pública galega e fronte á "desfeita e ataque" que atribúen ao Goberno, á Xunta, así como á patronal integrada en ASPE e as multinacionais que compoñen a Fundación IDIS.
Os colectivos implicados son a Acampada Contra a Pobreza de Vigo, Alternativa dos Veciños, Asociación de Pacientes do CHUS, Attac Coruña, o sindicato CXT de Galicia, o sindicato COBAS, a Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública A Coruña, Corrente Vermella, Fronte Cívica da Coruña, GalizAmbulancia, Asociación Cultural Lareira de Unta de Betanzos, as Marchas da Dignidade de Galicia, Prosagal, Proserso, Sagap, S.O.S Meixoeiro e 'Vamos! Galicia'.
Nun comunicado, estes colectivos fan un chamamento "a todas as organizacións sociais, políticas, sindicais e a toda a cidadanía" a que se unan a esta mobilización.
Entre outras cuestións, aluden á reforma sanitaria, así como ás "medidas extremas en recorte de persoal" e a un "aumento insustentable da precariedade laboral" como "elementos moi graves que merecen unha rotunda e clara resposta por parte da sociedade".
"Queremos que sexa unha mobilización de todos, de todos os colectivos que loitan pola defensa dunha sanidade cento por cento pública, de todo o conxunto da sociedade galega, para que o noso berro se escoite en toda Galicia. A sanidade non se vende, deféndese!", apelan.
Escribe o teu comentario