Ex presidentes da CEG piden a dimisión de Arias pola súa postura sobre Cataluña

|

FernandezalvarinhodietermoureFernández Alvariño e Dieter Moure.


Os ex presidentes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) José Manuel Fernández Alvariño (que estivo á fronte do organismo de 2013 a 2015) e Antonio Dieter Moure (no cargo entre xaneiro e outubro de 2016) reclamaron a dimisión do actual presidente da entidade, Antón Arias, polas súas declaracións sobre Cataluña.


En concreto, Arias avogou polo diálogo e a negociación entre o Goberno central e o da Generalitat, e dixo que vería "ben" que se celebrase unha consulta pactada como método para abordar a crise aberta en Cataluña; aínda que posteriormente matizou que esta foi "unha opinión persoal" e non "institucional" da entidade que dirixe.


Os ex presidentes incidiron en que esta posición é "claramente contraria á Constitución Española", e remarcaron que o presidente da CEG representa os empresarios galegos "as 24 horas" do día, polo que estas declaracións "contrarias ao espírito empresarial" foron emitidas "desde o cargo" e, por tanto, son "moi graves".


"É inconcibible que o representante dos empresarios galegos propugne un pacto Cataluña-España de igual a igual, e á marxe da Constitución Española", subliñaron, insistindo en que con estas declaracións Arias incorreu nunha "grave responsabilidade, pola súa conta e risco".


Por todo isto, os ex presidentes, que xa en abril pediron a dimisión de Arias, pola "enorme" fractura entre norte e sur e a falta de liquidez "total" que leva a falta de pagamento a provedores desde hai meses, volveron reclamar a súa dimisión e anunciaron o envío dun requirimento á CEG para que tome as medidas necesarias para instar á dimisión do presidente.


Neste marco, apostaron porque sexa a xunta de vicepresidentes, composta polos presidentes das catro confederacións provinciais de Galicia --Pontevedra, Ourense, Lugo e A Coruña--, a que tome "as medidas necesarias" e asuma o goberno da organización autonómica ata decidir se se convocan eleccións. "Necesitamos unha CEG forte", selaron.


"ILEGALIDADE" NO FUNCIONAMENTO


Tras censurar que a pesar de ser membros da xunta directiva están "desinformados" e hai "transparencia cero", Fernández Alvariño e Moure criticaron que Arias se manifestou "reiteradamente e pola súa conta" noutras ocasións, como cando se pronunciou en contra da reforma laboral e cando solicitou un incremento salarial sen ter en conta os empresarios.


A parte do tema de Cataluña e os demais pronunciamientos do presidente da patronal, os ex presidentes apoiaron a súa petición de que Arias dimita pola "ilegalidade do funcionamento da institución", xa que entenden que "se están vulnerando de forma consciente varios dos artigos dos estatutos da CEG".


Así, reprobaron que aínda non se aprobaron as contas do exercicio de 2016, non se realizou o informe de auditoría correspondente, non se convocou "ningunha reunión" da xunta directiva na que se propoña a súa formulación, e non se convocou a asemblea na que deben aprobarse. Igualmente, criticaron que tampouco se presentou o orzamento do exercicio de 2017.


Finalmente, sobre unha posible reforma dos estatutos da CEG, Moure remarcou que "calquera reforma" debe ser aprobada pola asemblea e contar coa opinión dos empresarios e as sectoriais, aínda que Fernández Alvariño engadiu que, en todo caso, "non é o momento de falar de reformar os estatutos, senón do goberno da patronal, que "é o importante".


relacionada O novo presidente da patronal recoñece que "é hora de subir salarios"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress