A "compravenda" do goberno de Tui pode acabar no xulgado
Carmela Silva anuncia que a Deputación "estuda seriamente" denunciar o pacto asinado pola Xunta cos promotores da moción de censura.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este martes que o equipo xurídico da institución "estudará seriamente" levar aos xulgados a "moción de censura vergoñosa e carroñera" contra o alcalde de Tui, o socialista Enrique Cabaleiro, unha iniciativa que cualificou como "compravenda" do goberno municipal desta localidade.
En declaracións aos medios ás portas do Concello de Tui, pouco antes da celebración do pleno da moción de censura, Silva incidiu na existencia dun pacto "escrito e asinado" polos promotores da moción e o delegado territorial da Xunta, José Cores Tourís, no que se ofrecen investimentos do Goberno central e do autonómico para esta localidade, vinculadas a ese pacto para desbancar a Cabaleiro.
"Como se cualifica iso? Seguramente non estea tipificado no Código penal, pero é un gravísimo delito democrático", proclamou Silva, quen cualificou ese acordo como unha "compravenda" dun goberno local. "A Xunta de Galicia, da man de Cores Tourís, amañou con Carlos Vázquez Padín (portavoz de CXXI e que será, previsiblemente, o novo alcalde, a pesar de ter só dous concelleiros), unha moción de censura a cambio de recursos públicos de todos os galegos", sentenciou.
Finalmente, Carmela Silva volveu insistir en que "o máximo instigador" desta iniciativa, da que dixo sentirse "avergoñada" como "demócrata", é o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e reclamou a Feijóo a súa destitución "inmediata".
Así mesmo, lamentou que a censura poñerá fin a un goberno de coalición "limpo e transparente", para que chegue á alcaldía Vázquez Padín, que "se converterá nun manchón negro na política de Tui". "Pero que saiban Vázquez Padín e Alfonso Rueda que vai volver un goberno socialista a Tui, e que saiba Rueda que esta moción non lle vai servir para recuperar a Deputación", advertiu.
Escribe o teu comentario