Villares: "O PP usa os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías de Pontevedra"

Villares critica a moción de censura en Tui e acusa ao PP de "comprar vontades" na súa loita pola Deputación.


|

Villarestui



O portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou a moción de censura en Tui asinada por Converxencia 21, Partido Popular, Alternativa Popular de Tui e Ciudadanos Tudenses --estes dous últimos en proceso de reintegrarse no PP-- e denunciou que o Partido Popular "usa os orzamentos da Xunta para traficar coas alcaldías da provincia de Pontevedra".


"O barco Popular, pilotado por Feijóo e que ten como patrón a Rueda, desembarcou na costa de Tui para producir pola forza orzamentaria un cambio de Alcaldía", reprobou Villares, que lamentou que o Partido Popular só se interesa pola cidadanía canto ten un "interese espurio" e "é útil para os seus intereses particulares".


En relación con iso, vinculou esta moción ao interese do PP por establecer "unha loita pola Deputación", pois "o que non puido facer no seu momento nas urnas, faino agora comprando vontades". "É absolutamente rexeitable, unha mercantilización e cousificación da cidadanía de Tui, tratada como mera moeda de cambio para os intereses de Rueda na provincia", censurou.


Neste marco, apuntou que o pacto no que se asenta a moción baséase en "compromisos adquiridos coa Xunta", ante o que avanzou que este mércores En Marea rexistrou unha iniciativa que levará ao Parlamento de Galicia para preguntar "como pode ser que un acordo particular entre dúas forzas políticas vincule a Xunta".


Así as cousas, insistiu en que "non hai ningún proxecto político, están enganando a poboación" e "estanse utilizando recursos públicos para dar un cambio nunha Alcaldía que estaba a traballar ben", o que, dixo, "non gusta ao PP porque consolidaría unha acción de goberno e o espazo político de En Marea".


Finalmente, Villares denunciou que este caso "non é illado", senón que responde a "unha forma de corrupción" que para o PP "é unha forma de goberno", e mostrouse convencido de que "a cidadanía saberá valorar estes feitos en eleccións e nas mobilizacións convocadas para rexeitar esta moción".


UN "CAMBALACHE"


O portavoz de Son de Tui, Laureano Alonso, apuntou que a moción de censura "provén dun pacto contra natura no que un partido, Converxencia 21, vai asumir a Alcaldía", mentres "o PP fai deixamento das súas funcións" porque, sendo a lista máis votada, "renuncia a asumir a Alcaldía". "É unha vergoña para a democracia que poida suceder isto", apostilou.


Ademais, engadiu que é "totalmente falso" o argumento dos grupos da oposición de que non se conta con eles e hai falta de diálogo e xestión, e criticou que Converxencia 21 e Alternativa Popular de Tui apoiaron a investidura do socialista Enrique Cabaleiro e agora "súmanse a este cambalache que se chama moción de censura de Tui".


Alonso mantivo que aínda que o goberno actual era en minoría e estaba conformado por catro grupos políticos, estaba "a funcionar razoablemente ben", aínda que tiña "un grave problema porque a Xunta está paralizando moitísimos investimentos e non --lles deu-- nada nos últimos dous anos e medio". En todo caso, asegurou que se vai "con orgullo e a cabeza moi alta".


relacionada A dereita de Tui presenta unha moción de censura contra o alcalde

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE