A dereita de Tui presenta unha moción de censura contra o alcalde

Perfílase como novo rexedor Carlos Vázquez Padín, portavoz municipal de Converxencia 21. "Non foi unha sorpresa" para o aínda alcalde.


|

Vazquezpadinconverxencia21Carlos Vázquez Padín, de Converxencia21.


O bloque da dereita do Concello de Tui rexistrou este luns pola mañá a moción de censura contra o rexedor socialista, Enrique Cabaleiro, segundo confirmaron fontes municipais.


A moción de censura, asinada por PP, Alternativa Popular de Tui, Converxencia 21 e Ciudadanos Tudenses, veuse fraguando practicamente desde as últimas eleccións municipais de 2015, pero non se materializou ata agora por diverxencias entre os grupos da oposición.


Tras os últimos comicios locais, a corporación municipal de Tui quedou repartida entre oito partidos e as diferenzas entre as formacións da dereita impediron un acordo de goberno a pesar de que reunían nove edís fronte aos oito de PSOE, BNG, Son de Tui e Alternativa Tudense.


Finalmente, o socialista Enrique Cabaleiro foi elixido alcalde e conformou goberno con BNG, Son de Tui e Altenrativa Tudense. Mentres, os partidos da oposición non deixaron de mover as súas fichas para desbancar a Cabaleiro e, despois de dous anos, con períodos de negociación intercalados por períodos de bloqueo, precipitouse a censura.


O principal obstáculo para o acordo estaba na esixencia por parte de Converxencia 21 de que os cabezas de lista de PP, Alternativa Popular Tudense e Ciudadanos Tudenses (Antonio Fernández Rocha, Manuel González e José Manuel Sousa, respectivamente) debían dimitir. Tras formalizarse a renuncia destes edís e tomar posesión os seus substitutos no pleno da pasada semana, configurouse a presentación da moción de censura.


Este luns está prevista unha comparecencia dos grupos censores para a presentación do seu acordo programático. O portavoz de Converxencia 21, Carlos Vázquez Padín, perfílase como novo alcalde.


CABALEIRO: "NON FOI UNHA SORPRESA"


O aínda alcalde Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que a presentación da censura "non foi unha sorpresa", tendo en conta que, xa desde o día despois das últimas eleccións, "xa se notaba no ambiente esa posibilidade".


"Eu non cuestiono a lexitimidade da moción de censura", afirmou, aínda que lamentou que "co que está a ocorrer en Cataluña, os feitos máis graves da recente democracia, o PP se dedique agora a mocións de censura".


Con respecto ao seu futuro, Enrique Cabaleiro explicou que aínda non tomou unha decisión sobre se quedará ou non na oposición no Concello de Tui.


relacionada O alcalde de Val do Dubra acusa ao PP dunha "moción de censura encuberta"
relacionada O PP dálle a alcaldía de Coristanco ao edil expulsado do PSOE

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE