O PP dálle a alcaldía de Coristanco ao edil expulsado do PSOE
A pesar do rexeitamento das cúpulas provinciais de ambos os partidos, sacaron adiante a moción de censura entre críticas de transfuguismo.
Edificio do concello de Coristanco.
Abraham Gerpe, o concelleiro expulsado do PSOE en Coristanco, logrou o bastón de mando ao prosperar a moción de censura presentada contra Amancio Lavandeira (Terra Galega) co seu voto e os seis do PP, a pesar do rexeitamento expreso da cúpula provincial.
Aínda que o xa ex socialista está actualmente no grupo dos non adscritos, o seu voto foi considerado válido no pleno que se celebrou este venres e que foi considerado "ilegal" por quen ata agora exercía a alcaldía.
É por iso que Lavandeira anunciou accións legais, ao entender que non é posible aceptar o voto dun edil expulsado dun grupo en base aos cambios normativos para frear o transfuguismo.
Así o fixo constar, xa antes do pleno, a única concelleira do BNG en Coristano, Laura Mariño, membro da mesa por ser a segunda persoa máis nova, despois do propio Gerpe. En concreto, advertiu de que a sesión plenaria non debería celebrarse por non darse os requisitos legais e chegou a tachar de "tránsfuga" a Gerpe, en liña co argumento do xa ex alcalde Amancio Lavandeira.
Pola contra, Gerpe puxo en dúbida a validez do documento da executiva provincial do PSOE no que comunicaba a súa expulsión como portavoz municipal e o seu paso ao grupo dos non adscritos.
Ao facerse valer o voto do concelleiro de máis idade --Luis Souto, do PP, que presidiu a mesa-- aprobouse a celebración da sesión plenaria na que se aprobou o cambio de goberno.
Escribe o teu comentario