O PP dá por desbaratada a moción de censura en Coristanco
Esperaron a que o PSOE expulsase o seu concelleiro para pronunciarse. Agora a lei antitransfuguismo impide que saian as cifras.
Directiva provincial do PP da Coruña. Foto: @acorunaPP
A dirección provincial do PP na Coruña, tras esperar a que o PSdeG expulsase o edil de Coristanco, admitiu este mércores que "non se dan as condicións legais" para sacar adiante a moción de censura.
Así o subliñou a través dun comunicado o vicesecretario xeral de Organización do PP da Coruña, Evaristo Ben (primeiro pola esquerda na foto), despois de que a directiva provincial tomase a decisión de "dar por pechado o debate" sobre esta iniciativa.
Despois de que o PSdeG expulsase a Abraham Gerpe, o que o leva ao grupo de non adscritos, as posibilidades de desbancar a Amancio Lavandeira da alcaldía son practicamente inexistentes.
E é que, tras os cambios normativos para frear o transfuguismo, o voto dos dous edís non adscritos non suma e requírese unha maioría absoluta do pleno para aprobar un cambio de rexedor. Por tanto, o PP necesitaría un voto máis, que non prevé obter do grupo de Terra Galega nin da única concelleira do BNG.
Así as cousas, fontes da dirección provincial explicaron a Europa Press que o seu posicionamento é que a moción de censura xa "non procede" neste escenario. Iso si, matizan que a súa retirada depende do edil que concorreu en listas do PSdeG, quen este mesmo mércores defendeu a conveniencia de debatela.
"POLO BEN DE CORISTANCO"
Tras anunciar a decisión de "dar por pechado o debate" sobre esta moción de censura, Evaristo Ben lamentou que a "radicalización que viven os socialistas" impedise o acordo co PP "polo ben de Coristanco e dos seus veciños".
"O PSOE prefire condenar a Coristanco e os seus veciños a unha situación insustentable e de ingobernabilidade total no municipio antes que gobernar cos votos do PP", reprobou, á vez que deu por feito que "os votantes saberán poñer a cada un no seu sitio".
Escribe o teu comentario