Feijóo defende que nunca houbo tantos medios en outubro entre reproches de brigadistas
Os comités de empresa de Seaga critican que se prorrogase o contrato dos seus 500 traballadores desde este luns e non cando remataron hai catro días.
Rajoy e Feijóo, coa UME.
O presidente da Xunta cargou con dureza contra os "responsables" do "terrorismo incendiario" que atacou a Comunidade nas últimas horas e que "deben saber", advertiu en relación a uns lumes que se cobraron catro vidas, que as súas accións "poden matar e matan". Tamén defendeu o dispositivo e subliñou que "nunca" houbo tantos medios contra incendios nun mes de outubro.
"Galicia está farta de vernos ameazados cíclicamente por incendiarios que se valen das condicións meteorolóxicas cada vez que teñen ocasión. Non o admitimos", aseverou.
Así as cousas, incidiu en que "cada ano" é a "pericia" dos equipos de extinción a que permite "evitar danos maiores" nos montes e nas vidas. "Nos últimos días os equipos de extinción están a se enfrontar a decenas de incendios de similares ou peores condicións que o incendio de Pedrogao Grande. A dimensión da traxedia que puido chegar a vivir Galicia é inimaxinable", sentenciou, antes de insistir no seu recoñecemento aos equipos de extinción.
DEFENSA DO DISPOSITIVO
Na súa declaración, subliñou que "nunca antes houbo en Galicia tantos medios contra incendios nun mes de outubro, o dobre do habitual", pero subliñou que os equipos de extinción "están a traballar e tiveron que traballar durante esta fin de semana e, sobre todo, durante esta noite, en condicións meteorolóxicas sen precedentes nun mes de outubro e nunha época do ano coma a que estamos neste momento".
Feijóo, quen se desprazou a Vigo para acompañar o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, explicou que, co obxectivo de "priorizar" as zonas nas que os técnicos determinan que hai "un maior risco de afectación á xente, ás súas vivendas e aos seus medios de vida", están a orientarse os labores de loita contra o lume desde o centro de coordinación.
O presidente remarcou que "quen queima son persoas que saben queimar, que coñecen as situacións concretas do monte e sabían o que ía pasar esta madrugada".
"FOI PROVOCADO"
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, constatou este luns que a vaga de incendios que arrasa Galicia "non se produciu por casualidade", senón que os lumes son "provocados", e pediu "o maior esforzo" a Policía e Garda Civil para deter os autores.
"O que estamos a vivir é algo que non se produce por casualidade, foi provocado", afirmou Mariano Rajoy, que puxo como exemplo o sucedido en Pazos de Borbén: "Un incendio maiúsculo iniciado ás 1.30 horas da madrugada, entre o sábado e o domingo, en cinco puntos á vez".
"INCOMPETENTE"
Os comités de empresa de Seaga --empresa pública autonómica de loita contra o lume-- das catro provincias cargaron este luns contra a "incompetente" e "irresponsable" Xunta de Galicia por prorrogar a súa encomenda de xestión --o contrato dos seus 500 traballadores rematou o 12 de outubro-- desde este luns e non antes.
Nun comunicado, os comités de empresa denuncian que o pasado xoves, 12 de outubro, "a maioría dos 100 vehículos utilizados por estas brigadas estaban xa nas bases provinciais" para proceder á retirada de ferramentas e dos equipos de protección individual antes de devolvelos á empresa aos que llos aluga a Administración.
Esta circunstancia provocou que "houbo que volver instalar as emisoras nos vehículos, volver incorporar ferramentas e os equipos de protección individual e distribuílos por todo o territorio". A isto únese avisar o persoal ao que se amplía o contrato e distribuír as quendas de traballo.
Escribe o teu comentario