Os ecos dos pelotazos urbanísticos resoan nun proxecto de campo de golf en Baiona
Adega critica o consumo de auga necesario para a instalación e o "arsenal químico" para mantelo.
A asociación ecoloxista Adega denuncia un "proxecto milagre" que pretende construírse en Baiona, coa promoción do concello, e que lle lembra á burbulla inmobiliaria do levante español.
E é que o 'complexo deportivo' proxectado inclúe un campo de golf de case 70 hectáreas en plena Serra da Groba que custaría máis de 14 millóns e demandaría "tanta auga coma a consumida polos veciños".
Adega relaciona os antecendentes de campos de golf co desenvolvemento urbanístico e a "escusa para especular cos prezos das vivendas, manobra tras a que non poucas veces se agocha a corrupción".
A asociación ecoloxista alerta do impacto ambiental dun campo de golf coma o que se pretende instalar. Así, calculan que as súas necesidades de auga "multiplican por cinco o máximo permitido polo vixente Plano Hidrolóxico para o uso recreativo", en pleno contexto de seca.
Ademais, lembran o "uso intensivo de agrotóxicos" para manter a instalación, que pasarían aos numerosos mananciais. Un "arsenal químico" que ameaza moi seriamente a potabilidade deste recurso vital.
Adega, por tanto, rexeita "este tipo de aventuras especulativas", ao constatar outro "exemplo de proxecto agresivo e insustentable no que os recursos públicos (auga, chan, paisaxe e patrimonio) se enaxenan e degradan para favorecer o negocio privado".
Escribe o teu comentario