ADEGA critica os "parches" no "fracasado" modelo de Sogama
A asociación ecoloxista reclama promover a compostaxe a gran escala para reducir ao máximo a incineración.
Interior da planta de Sogama.
A Xunta "parchea" de novo o modelo de tratamento de residuos de Sogama para "promover a compostaxe e a recollida selectiva de materia orgánica a nivel municipal, aínda que de forma case experimental", tal e como sinala a asociación ecoloxista ADEGA nun comunicado.
ADEGA considera que, desta forma, "pola porta de atrás, a Xunta acaba de certificar tras 20 anos o fracaso do modelo Sogama baseado na incineración".
E é que "a enésima modificación dle Plan de Residuos vai permitir aos concellos cambiar o sistema de recollida para que a materia orgánica poida ser separada en orixe".
ADEGA explica que a compostaxe a gran escala é indispensable para "cumprir os obxectivos de reciclaxe" que establece a normativa europea. Galicia só alcanza nestes momentos o 3,3% e ten que chegar ao 50% da materia orgánica en 2020 se quere evitar sancións.
Desde a asociación ambientalista, por tanto, reclaman que a Xunta "abandone a incineración e a vertedura e pise o acelerador da compostaxe", estendendo a todos os concellos a posibilidade de recoller a materia orgánica de forma separada.
Lembran, ademais, que na comunidade existen iniciativas máis avanzadas neste sentido "como as da Mancomunidade do Barbanza, Allariz, San Sadurniño ou a Deputación de Pontevedra".
Escribe o teu comentario