Os galegos reciclamos máis vidro, pero seguimos por baixo da media española
A reciclaxe vai á alza por sexto ano consecutivo e os establecementos hostaleiros supoñen a metade do consumo destes envases en Galicia.
Cada galego reciclou de media en 2016 uns 15,2 quilos de vidro --son uns 58 recipientes--, ata un total de 41.253 toneladas en toda a Comunidade, que equivalen a 157 millóns de envases, o que supón un incremento do 3,5% respecto de 2015.
O xerente da zona Galicia-Asturias, Germán Fernández, e a directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira Costa, informaron en rolda de prensa dos datos da campaña de 2016, e en destacaron que a reciclaxe de vidro foi en aumento en Galicia por sexto ano consecutivo.
Con todo, a media de reciclaxe por habitante en Galicia é un quilo inferior á de España (16,2 quilos). Por provincias, existen diferenzas entre os 16,6 quilos da Coruña cos 12,8 quilos en Ourense. A media por persoa en Pontevedra é de 14,6 quilos e de 14,3 quilos en Lugo.
Esta actividade de reciclaxe supón unha redución da emisión de 27.000 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera. É o equivalente á retirada de 6.700 de coches de circulación durante un ano.
No tocante a quilos, a reciclaxe tamén o lidera A Coruña (18.419.850), seguida por Pontevedra (13.766.451), Lugo (4.804.385) e Ourense (4.041.098).
A preguntas sobre a que se achaca a menor reciclaxe que se produce en Ourense, Germán Fernández indica que as provincias máis turísticas e de costa contan con mellores cifras, mentres que está a facerse "un esforzo" na provincia ourensá pola maior dispersión. Para iso, realízanse programas coa Deputación e o concello das Burgas.
RECICLAXE DUN 73%
Así, segundo os datos expostos por Ecovidrio, un 73% dos envases de vidro recíclanse en Galicia, mentres que en 2020 o obxectivo é alcanzar a taxa do 77% e poder elevala ao 80% en 2025.
Para iso, Ecovidrio investirá uns 11 millóns de euros nos próximos para recollida selectiva e a accións de sensibilización, con especial atención á hostalería.
Escribe o teu comentario