En Galicia non é boa idea comprar unha vivenda con vistas a alugala
Xunto a País Vasco e Asturias, somos as comunidades menos rendibles para gañar diñeiro cos alugueres.
Galicia, xunto a País Vasco e Asturias, sitúase entre as comunidades autónomas onde resulta menos rendible comprar unha vivenda para poñela en aluguer, segundo recolle unha análise realizada polo portal inmobiliario Fotocasa.
En España, a rendibilidade media anual que se pode obter dun inmoble adquirido para destinalo ao aluguer é xa do 5,7%. Este retorno para o investidor estaría moi por encima do que actualmente ofrece a débeda pública ou os depósitos bancarios.
Esta rendibilidade na compra de vivendas co fin de poñelas en réxime de aluguer continúa crecendo desde o 4,8% que se rexistrou en 2013.
Segundo Beatriz Toribio, responsable de estudos de Fotocasa, "a confianza no mercado residencial volveu e as altas rendibilidades que ofrece nestes momentos o aluguer está a facer que tanto grandes como pequenos investidores estean a apostar pola compra de vivenda".
GALICIA, UN 4,2%
Por rexións, en Cataluña, o retorno para o propietario pode chegar a ser xa do 6,6%, despois dun alto crecemento desde o 5% que se rexistrou en 2014. Isto supón que actualmente, a Comunidade catalá ofrece a mellor rendibilidade entre todo o panorama nacional.
Despois de Cataluña, Canarias é a rexión cunha maior rendibilidade, en concreto do 6% seguida de Madrid, que ofrece este ano un 5,9%.
No lado oposto, son Galicia (4,2%), País Vasco (4,8%) e Asturias (5%), as comunidades onde menos rendibilidade pode esperar o investidor inmobiliario.
Escribe o teu comentario