A Marea Branca alerta do "engano" da proposta privada das listas de espera
Defenden que o problema radica na "infinita lista de espera diagnóstica" e non nas operacións, e que eses 1,5 millóns son necesarios para a sanidade pública.
A Fundación IDIS lanzou hai máis dunha semana unha soada proposta para acabar coas listas de espera cirúrxica. Con todo, a Marea Branca alerta do "engano" que supoñen as intencións do "máximo lobby sanitario privado".
Nun comunicado, denuncian que as organizacións que forman parte deste gurpo "parasitan e enturban o noso modelo sanitario público e pretenden facerse con el porque resulta unha fonte dunha clientela golosa".
Así, esixen "ás autoridades das nosas institucións que non acepten o engano" do proclamado plan de choque para acabar coas listas de espera.
A Marea Branca critica que "a proposta se dirixe á lista de espera cirúrxica cando o verdadeiro problema radica na infinita lista de espera diagnóstica".
Ademais, destacan que "se refiren exclusivamente á cirurxía, sen contemplar posibles complicacións ou tratamentos de rehabilitación e seguimento que se facturarían a parte"
A 'marea' defensora da sanidade pública considera "ilegal o posible desembolso extraorzamentario dos 1,5 millóns a estas empresas cando se alude ao teito de gasto para non aumentar os orzamentos para o Sistema Sanitario Público".
A única forma posible de diminuír as listas de espera, para este colectivo, "pasa por unha xestión pública eficaz e por un aumento do orzamento que permita equipos e efectivos suficientes".
Escribe o teu comentario