O plan da sanidade privada contra as listas de espera custaría 88 millóns a Galicia
O seu obxectivo a medio prazo é, tal e como sinalan, impulsar o seu modelo "público-privado" para a atención sanitaria.
O "plan de choque" contra as listas de espera sanitarias proposto este xoves pola Fundación IDIS, formada por aseguradoras e hospitais privados, custaría a Galicia 88 millóns de euros, segundo as súas estimacións. Esta cantidade equivale ao 2,5% do orzamento da Xunta.
O lobby sanitario privado basea o seu ofrecemento en que as listas de espera "constitúen un dos problemas sociais máis importante da nosa sociedade e supoñen o maior déficit de calidade do sistema sanitario".
En concreto, apunta a Fundación IDIS que "en Galicia, a lista de espera supera actualmente os 35.000 pacientes e cun tempo medio de espera de 68 días".
Os impulsores desta proposta non agochan que o seu obxectivo final é "conseguir a integración dos sistemas sanitarios público e privado", entrando de golpe na sanidade pública.
E para impulsar este "modelo de cooperación público-privado" reuniranse proximamente "cos máximos responsables do Ministerio de Sanidade e das comunidades autónomas".
PRESIÓN AO GOBERNO
Tampouco a maior patronal dos hospitais privados de España perdeu a oportunidade de presionar ao Goberno a favor desta proposta.
A Alianza da Sanidade Privada Española (ASPE), patronal que agrupa a máis do 75 por cento dos centros hospitalarios privados, pide ao Ministerio de Sanidade unha liña de financiamento para as comunidades autónomas.
O secretario xeral de ASPE destaca, así, "o fácil que sería chegar a unha solución tan importante para tantas persoas", aumentando o orzamento sanitario.
Do mesmo xeito, criticou o rexeitamento á privatización por parte dalgunhas comunidades autónomas, explicando que "sempre houbo unas máis receptivas que outras á colaboración público-privada".
Este dirixente tamén insistiu en que o desembarco da sanidade privada na pública debería "prolongarse no tempo".
Escribe o teu comentario