Gómez Noya, subcampión do mundo de tríatlon
Mario Mola, que chegaba a Róterdan líder das Series Mundiais, conseguiu controlar a carreira e rematou xusto diante do ferrolán.
Gómez Noya, en Róterdan. Foto: @TRIATLONSP
Seis días despois de proclamarse campión do Mundo de Medio Ironman, Gómez Noya queda a un paso do seu sexto título mundial de tríatlon.
Este sábado en Róterdan necesitaba vencer e que Mario Mola, que chegaba como líder das Series Mundiais, quedase por baixo do quinto posto.
Pero o mallorquino puido controlar a carreira e facer valer a súa vantaxe para defender o título que xa conquistou o ano pasado.
Gómez Noya saíu antes da auga que Mola, pero o grupo non puido manter a distancia co líder no circuíto de bicicleta, que recuperou o tempo perdido na natación.
E a pesar da choiva e o asfalto mollado, os favoritos mantiveron un gran ritmo nos últimos 10 quilómetros de carreira a pé.
O galego, iso si, acabou pagando o esforzo da fin de semana pasado e cedeu ao final, quedando cuarto, xusto por detrás de Mola.
Gómez Noya, pentacampión, sobe por décimo ano ao podio das Series Mundiais (só en 2016 deixou de lado o mundial para centrarse en preparar os Xogos Olímpicos), na que pode ser a súa última participación. E é que o mellor triatleta da historia ten a mirada posta no Iron Man.
Escribe o teu comentario