O 70% dos veciños de Cabral apoian a campaña para o macro-centro comercial
Os promotores conseguen máis de 20.000 firmas, oito veces as necesarias para que se debata no Parlamento se algún partido o defende.
Imaxe promocional de Porto Cabral.
A comisión de dez entidades e particulares que promove unha iniciativa popular para que se desenvolva o macro-centro comercial e de lecer Porto Cabral en Vigo, recolleu nesa zona da cidade máis de 3.500 firmas de apoio, o que representa o 70 por cento dos maiores de 18 anos censados.
Os promotores desta campaña destacaron que xa só os apoios recibidos na zona de Cabral superan as 2.500 firmas esixidas polo Parlamento galego para que a iniciativa poida ser debatida, sempre que polo menos un partido político asuma a súa defensa, para poder instar á Xunta a tramitar o desenvolvemento do ámbito de Liñeiriños pola vía supramunicipal ou por "excepcional interese público".
En total, a través desta campaña para o desenvolvemento do macro-centro comercial, que "contará cun investimento de 600 millóns de euros" e "xerará 4.000 empregos directos", xa se recolleron máis de 20.000 firmas de apoio. Aínda que esta cifra é oito veces a necesaria para presentar a proposición non de lei, a comisión pretende manter a recollida ata o próximo 16 de outubro.
Os promotores desta campaña son os presidentes das comunidades de montes veciñais de Cabral e de Guizán; os presidentes do Real Aero Club de Vigo, da Asociación de Veciños de Cabral, da Asociación de Xubilados e Pensionistas Daniel Castelao, da Asociación Deportiva Carballal e da Asociación de Mulleres Rosalía de Castro; así como outros particulares e comuneiros.
Escribe o teu comentario