Concentración este domingo en contra do proxecto de Porto Cabral
Para as asociacións contrarias ao "macro" centro comercial, sería prexudicial para o monte e para o comercio local.
Concentración de comuneiros contra Porto Cabral.
A rede de asociacións contrarias ao proxecto de Porto Cabral convocaron a cidadanía a unha concentración este domingo ao mediodía en defensa do monte comunal e contra o proxecto de construír un "macro" centro comercial nas inmediacións do monte de Cabral.
Nun comunicado remitido aos medios, este colectivo criticou o "intento" por parte da directiva da comunidade de montes de Cabral "de entregar unha parte do monte" á multinacional Intu Eurofund, encargada do proxecto.
Alega que esta decisión iría "en contra" da vontade dos veciños e comuneiros, da Lei de montes, do interese comunal e público e unicamente "a favor" dos intereses privados da empresa e da propia directiva comunal.
E é que este proxecto, ao seu xuízo, non permitiría un aproveitamento económico e sustentable do monte e prexudicaría a continuidade do comercio local. É por iso que denunciaron a falta de "ética" que se esconde en "perseguir un beneficio económico puntual" á conta da "destrución de valores naturais, paisaxísticos, etnográficos e arqueolóxicos dunha zona de monte".
Así as cousas, fixeron un chamamento para participar na concentración que terá lugar no parque forestal de Cotogrande (Cabral) e que coincidirá coa celebración da Romaría do Pan de Millo de Cabral.
Escribe o teu comentario