Feijóo espétalle a Villares: "Espero que non volva ditar unha sentenza"
O portavoz de En Marea tamén recibiu a crítica de Paula Prado: "Dificilmente un compañeiro quererá formar sala con vostede".
A presenza de Villares na manifestación independentista da Diada pásalle factura no Parlamento galego.
Este mércores, o líder de En Marea tivo que oír frases duras contra o seu hipotético regreso ao labor de maxistrado no TSXG, agora en excedencia.
Villares afeoulle a Feijóo que a Xunta asuma, "sen recorrer" as decisións xudiciais, pagar "con diñeiro de todos os galegos" 3 millóns en indemnizacións pola anulación do concurso eólico do bipartito.
Na súa quenda, Feijóo contraatacou e preguntou a Villares se "como vostede non acata as sentenzas dos tribunais, que lle parece se os galegos non acatamos nunca as sentenzas que vostede poida chegar a ditar?".
Finalmente, concluíu que Villares "debe unha explicación á democracia galega". "Espero que non volva ditar unha sentenza en Galicia", concluíu.
RÉPLICA DE VILLARES
O portavoz de En Marea pediu a palabra para contestarlle ao presidente, pero non lle foi concedida. Con todo, nun debate posterior si aproveitou a súa intervención para replicar a Feijóo, tras queixarse de que o presidente da Xunta lance acusacións contra el cando quedou sen quenda para poder pronunciarse.
Así, Villares cargou contra as "insidias" de Feijóo, que "afectan a todo un TSXG", que identificou coa "ignorancia ou prepotencia de quen ten máis aires de acompañante de narcotraficante que de presidente da Xunta".
Ademais, o portavoz de En Marea preguntouse se "é democrático gañar as eleccións financiándose ilegalmente", en alusión ao PP.
Tras isto, a deputada popular Paula Prado recriminou a Villares que fale de "democracia" cando "non respecta" nin o Tribunal Constitucional nin a Constitución. "Cando volva á maxistratura dificilmente vai ver un compañeiro que queira formar sala con vostede", espetoulle, ao que agregou: "Vano recusar constantemente".
Escribe o teu comentario