A Veiga quere potenciar 'Astrotrevinca' para consolidarse como referencia
O municipio ourensán está recoñecido como un dos 14 destinos Starlight en todo o mundo, un selo de calidade para a contemplación das estrelas.
Miradoiro astronómico en Pena Trevinca.
O Concello da Veiga acollerá entre os días 22 e 24 de setembro a IV edición das Xornadas 'Astrotrevinca', unha cita para os interesados en observar as estrelas coa que o municipio aposta por "converterse na referencia da astronomía en toda España".
Así o confirmou o alcalde da Veiga, Juan Anta, durante a presentación do programa de actividades nas instalacións da Deputación de Ourense. O acto tamén contou coa participación do vicepresidente do ente provincial, Rosendo Fernández e Óscar Blanco, organizador das xornadas.
Na súa intervención, Anta explicou que A Veiga "aposta" polo turismo astronómico como "buque insignia" para o desenvolvemento económico do municipio. Nesta liña sinalou que este verán se produciu un aumento das visitas turísticas "especialmente desde Galicia e outros puntos de España".
Así, cifrou en "preto de 250 persoas" as que participaron " en cada unha das catro xornadas" organizadas durante o pasado mes de agosto para presumir de ceo.
Cabe lembrar que A Veiga está recoñecido como un dos 14 destinos Starlight en todo o mundo, unha cualificación que se concede ás rexións nas que se pode observar con máis facilidade e dunha forma máis espectacular a bóveda celeste.
"REFERENCIA"
O rexedor anunciou que "ao longo deste ano haberá algunha iniciativa máis para converter o municipio en referencia do astroturismo en España", e aínda que non quixo ampliar a información, recoñeceu que "vai haber máis miradoiros" e melloraranse "as infraestruturas" relacionadas con este tipo de turismo.
Pola súa banda, o organizador das xornadas, Óscar Blanco, explicou que ao longo dos tres días haberá cinco conferencias e actividades a cargo de profesionais pero destinadas ao público xeral. Entre os temas tratados falarase da enerxía escura, a contaminación lumínica, o clima ou a fotografía nocturna.
Así mesmo, haberá dúas noites dedicadas á observación das estrelas "cun dos maiores telescopios que hai actualmente en Galicia", mentres que o domingo pola mañá os participantes poderán observar o sol da man da Agrupación Astronómica Coruñesa.
Escribe o teu comentario