Feijóo rexeita especular sobre se "arrasaría" como "sucesor de Rajoy"
O ex presidente autonómico Gerardo Fernández Albor volveu insistir esta fin de semana na substitución do líder do PP.
Feijóo, Rajoy e Albor, no 2013. Foto: Xunta
Núñez Feijóo afirmou este martes que o PP apoia a Mariano Rajoy como presidente, e que el ten "moita tarefa por facer" como xefe do Executivo galego, despois de que o ex presidente autonómico Gerardo Fernández Albor apuntase que o actual líder do PPdeG sería un bo sucesor de Rajoy.
Albor, quen xa en varias ocasións incidiu en que Feijóo faría un bo papel como presidente estatal, reiterou a pasada fin de semana nunha entrevista con La Voz de Galicia que: "Hai sucesor de Rajoy, Feijóo arrasaría".
Tras unha visita ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e a preguntas dos medios sobre as palabras de Fernández Albor, Alberto Núñez Feijóo proclamou: "O presidente Albor sabe moi ben que, neste momento, todo o partido está a apoiar a un único presidente, o que temos, o presidente do Goberno".
Con respecto ao seu futuro político, o titular do Executivo galego lembrou que tan só se esgotou un ano do actual mandato autonómico. "Aínda non se cumpriu un ano, estou a estrear mandato e hai moita tarefa por facer", precisou.
"CLARIVIDENCIA"
Dito isto, Feijóo eloxiou a figura de Fernández Albor, de quen destacou o seu papel na historia de Galicia como primeiro presidente da autonomía, e de quen valorou a súa "clarividencia", ás portas de cumprir cen anos de vida.
"Iso acredita que temos un bo rexistro sanitario", chanceou o presidente da Xunta.
Escribe o teu comentario