O ex presidente Fernández Albor deixa o Consello Consultivo
A piques de cumprir 100 anos, a súa saúde foi epeorando paulatinamente. En Marea pregunta ao Parlamento pola súa actividade e retribución nos últimos anos.
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a renuncia do ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor á súa condición de conselleiro nato do Consello Consultivo de Galicia. O acordo recolle que o cesamento se produce por "razóns estritamente persoais" e que foi aceptado mediante resolución do presidente do órgano consultivo, José Luis Costa Pillado.
A piques de cumprir cen anos --naceu na capital galega en setembro de 1917--, Fernández Albor, quen estivo á fronte do Goberno galego desde 1982 ata a moción de censura de 1987, ingresou no Consultivo no ano 2007, tras a súa reforma lexislativa, que regula o funcionamento da institución e o status dos exmandatarios.
Nos últimos anos, o ex presidente rebaixou a súa presenza en actividades públicas debido a un empeoramento paulatino da súa saúde, aínda que aínda participou nalgún acto de partido e de campaña para apoiar o líder do PP galego e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Feijóo ratifica, precisamente, no acordo que publica o DOG este venres, o seu cesamento no Consultivo e agradécelle "os servizos prestados" e a súa contribución "ao bo funcionamento" desta institución.
PREGUNTA DE EN MAREA
Na mesma xornada na que se certifica a renuncia de Albor no DOG, a orde do día da Comisión Institucional do Parlamento incorpora unha pregunta de En Marea referida á actividade desenvolvida polo Consultivo entre 2014 e 2016, e á participación na mesma "dun dos seus membros".
Entre as preguntas da iniciativa da formación rupturista rexistrada na Cámara autonómica, facíase referencia á actividade e retribucións percibidas polo mandatario nos últimos anos ligadas á presenza nesta institución.
Escribe o teu comentario