O Sergas gastará 180.000 euros en cambiar o cartel de catro hospitais
Os socialistas consideran "obsceno" este gasto en pleno debate sobre a reforma da Lei de Saúde que augura máis recortes.
Julio Torrado, portavoz socialista de Sanidade.
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, tachou de "obsceno" que en pleno debate sobre a reforma da Lei de Saúde o Sergas convocase un concurso por 183.000 euros para cambiarlle o cartel a catro hospitais da Coruña
O responsable socialista criticou estes gastos "cando o propio goberno, en nome da eficacia e da optimización de recursos, está a modificar a Lei máis importante da sanidade de Galicia precisamente para reducir servizos e recortar a atención sanitaria dos cidadáns". "Mentres os galegos e galegas queremos investir en médicos e mellorar a atención sanitaria o PP prefire comprar carteis e facer publicidade", resumiu.
E é que a Xunta adxudicou tamén outros 212.000 para propaganda do Sergas.
O portavoz socialista lamentou que tanto o PP como o goberno galego "parezan empeñados en facernos ver que viven á marxe da realidade dun sistema sanitario cun grave déficit de recursos", dando "liberdade á súa obsesión por reducir servizos" e por cambiarlle o nome a un hospital, mentres "advertimos que estas frivolidades custan diñeiro".
Torrado lembrou que no anterior período de sesións, e mentres a Cámara autonómica debatía sobre a necesidade de máis recursos, de aprobar plans de mellora sanitaria ou da situación dos centros de saúde, o PP levaba unha proposta para cambiarlle o nome ao Hospital da Mariña.
Advertiu que "os galegos e galegas saben ben que o PP quere reducir a sanidade pública e deixar o camiño aberto para as clínicas privadas", como demostra o récord de alegacións ao anteproxecto da Lei de Saúde, que en pleno mes de agosto xuntou 1.600 achegas cidadás, ou das mobilizacións convocadas contra a desaparicións das áreas sanitarias do Salnés, A Mariña, Valdeorras e Lemos.
Escribe o teu comentario