O Auditorio de Ourense centra a súa programación no público familiar
21 representacións ata final de ano pretenden ser "porta de acceso" para que "nenos e nenas descubran o mundo das artes escénicas".
O Concello de Ourense presentou este luns a programación do Auditorio Municipal para o segundo semestre de 2017, un total de 21 espectáculos especialmente destinados para o público familiar e dos que 16 chegarán á cidade grazas á colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, deron a coñecer a carteleira, que se inaugurará este venres coa representación de 'Estrazalonia , teatro para bebés' a cargo da compañía 'O baúl da tía Tola' (que ofrecerá dous pases ás 18,00 e 19,00 horas).
Vázquez destacou a importante aposta polos "espectáculos familiares" co obxectivo de converter o Auditorio a nun "punto de encontro para as familias" e en "porta de acceso" para que "nenos e nenas descubran o mundo das artes escénicas".
En total ofreceranse 21 propostas, que inclúen teatro para bebés, circo, danza, marionetas, musicais e unha ópera infantil, a través da representación de "A frauta máxica" de Mozart. "Trátase dun clásico que acaba de ser elixido como o mellor espectáculo familiar do ano 2016", abundou o rexedor.
Pola súa banda, o director da Agadic, Jacobo Sutil, sinalou que o Concello de Ourense "é un dos socios máis activos da Rede Galega de Teatros e Auditorios". Neste sentido, destacou que 16 dos 21 espectáculos da programación forman parte do programa semestral do circuíto que promove a Xunta de Galicia.
A PROGRAMACIÓN
As compañías galegas serán as protagonistas da programación do segundo semestre do Auditorio. Así, no mes de setembro chegarán á cidade os espectáculos 'PingüíSOS' de Lucecús Teatro (o 17 de setembro) e 'O pequeno señor Paul', de Baychimo (24 de setembro).
A compañía Mircromina visitará dúas veces Ourense, con '5 Historias para unha man' (8 de outubro) e 'Vacacións no mar' (5 de novembro).
A programación de outubro completarase coas representacións de 'Ouvalo', a cargo de Culturactiva (15 de outubro) e 'O faiado' de Teatro ao Cubo (29 outubro).
En novembro a compañía Fantoches Baj representará 'Os golfiños e o xigante' (día 19) e Eme 2 a obra 'Contacreques' (día 26). O último mes do ano representarase 'Planeta Ardora' de Trompicallo (día 3), 'Aguratrat' de Pérez&Fernández (10 de decembro) e 'Pum Pum' de Baobab Teatro (día 29).
Tamén haberá espazo para as propostas musicais como 'Hansel e Gretel' de Avento Producións Teatrais (22 de outubro); de circo como 'O apartamento' de Cirk About It (1 de outubro) e 'BB Circus' de Asacocirco (3 de novembro); así como danza con 'Voos' de Aracaladanza (17 de diceembre) e 'Zaquizamí', de Cía Roberto G. Alonson (o 28 de decembro).
VENDA DE ENTRADAS
As entradas poden adquirirse de maneira anticipada na web de Ataquilla, na sala de exposicións de Afundación, así como no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da representación.
O seu prezo será de tres euros en venda anticipada e de catro euros en despacho de billetes (excepto para a ópera infantil 'A frauta máxica' e o festival 'Clan en Vivo'). Ademais, o Concello creou un 'bono á carta' para moitas destas actuacións, que contará cun desconto do 20% pola compra de cinco entradas.
Escribe o teu comentario