Feijóo: "Non imos cambiar a nosa forma de vida"
Na manifestación de Barcelona, o presidente da Xunta quixo lembrar os galegos emigrados en Cataluña.
O presidente da Xunta reivindicou que a manifestación de Barcelona este mesmo sábado ten por obxecto "testemuñar" que o pobo español non vai cambiar as súas "liberdades, dereitos e valores", é dicir, a súa "forma de vida", por culpa de "aqueles que non respectan a vida".
"Imos seguir protexendo os valores dunha sociedade democrática libre", proclamou o mandatario galego, en declaracións aos medios antes de participar na marcha, onde tamén quixo trasladar "unha mensaxe de solidariedade e de agarimo aos familiares das vítimas e aos feridos que se están recuperando".
"Somos un pobo pacífico, democrático. España é un gran país e Barcelona é unha gran cidade global", salientou, sen esquecer a cantidade de galegos emigrados a Cataluña e que formaron as súas familias nesta terra.
Entre os representantes públicos galegos que acudiron á marcha está tamén o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen emitiu un comunicado para trasladar o seu apoio "sen fisuras a unha cidade que quere ser un lugar dinámico, acolledor, diverso e sen medo pese ao revés que sufriu".
Tamén Martiño Noriega viaxou a Barcelona, onde, igual que o rexedor coruñés, asinou no libro de condolencias antes da marcha.
O BNG estivo representado polos militantes que tén en Cataluña.
Escribe o teu comentario