A Xunta di que non detectou ata este agosto o 'overbooking' das Cíes
Tanto o Goberno galego coma o de Vigo reuníronse este xoves de forma paralela co sector hostaleiro e turístico da cidade.
Responsables de Patrimonio Natural e Turismo da Xunta mantiveron un encontro este xoves con representantes do sector hostaleiro da provincia de Pontevedra para trasladarlles as súas explicacións sobre o caos vivido o pasado domingo na estación marítima de Vigo. Nela xustificaron a súa decisión de impedir o desembarco de visitantes nas Illas Cíes pola "irresponsabilidade" das navieiras, que venderon máis billetes dos que permite a cota.
Na reunión participaron a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e representantes da Federación de Hostalería (FEPROHOS), a Asociación Provincial de Axencias de Turismo (AVIPO) e do Clúster de Turismo de Galicia.
A Xunta recoñeceu ao sector que a decisión de impedir o desembarco de visitantes ás illas foi unha "medida drástica e dura" que prefería "non ter que tomar". O goberno obvia a situación arrastrada durante os últimos anos (recoñecida polas proias empresas) e unicamente explica que a decisión foi provocada "tras detectar incumprimentos graves por parte das navieiras no mes de agosto, e unha vez constatado que os apercibimentos e os expedientes sancionadores non deron resultado".
HOSTALEIROS
Pola súa banda, a portavoz de FEPROHOS, Beatriz Carballido, apuntou, en declaracións a Europa Press, que a principal preocupación que o sector trasladou á administración autonómica nese encontro foi o prexuízo causado pola imaxe que se deu de Vigo e do turismo, e "as formas" utilizadas para xestionar a sobrevenda, impedindo o desembarco de turistas, co consecuente malestar dos afectados.
Con respecto ás cancelacións de reservas en hoteis da cidade, Carballido explicou que, ademais das cancelacións de paquetes específicos de visitas ás Cíes, producíronse cancelacións de pernoitas. En todo caso, precisou, "é prematuro" aseverar que as ditas cancelacións estean relacionadas cos problemas nas viaxes a Cíes.
REUNIÓN NO CONCELLO
Paralelamente á reunión na delegación viguesa da Xunta, representantes de hostaleiros e comerciantes celebraron outro encontro, esa vez co alcalde, Abel Caballero. Na dita reunión estiveron presentes FEPROHOS, a Asociación de Hostalería de Vigo (AHOSVI), e diversas asociacións de comerciantes da cidade.
Tras o encontro, o presidente de AHOSVI, Jaime Pereira, afirmou que debe "quedar claro" que nin a cidade de Vigo nin o seu sector turístico "en ningún momento foron partícipes deste desaguisado". Así mesmo, indicou que, aínda que non se pode confirmar que as cancelacións rexistradas estivesen relacionadas co ocorrido, o certo é que "desde o domingo foi minguando a cadencia de reservas".
ENCONTRO CON CABALLERO
Tras o encontro con hostaleiros e comerciantes, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu en que as decisións "caóticas, improcedentes e lamentables" da Xunta na xestión desta crise causaron un gran dano á cidade e ao propio Parque Nacional, dando unha imaxe "que non se corresponde coa realidade".
O rexedor engadiu que sería "facilísimo" evitar o ocorrido o domingo, xa que a Xunta coñecía con antelación o problema da sobrevenda de pasaxes. Ao seu xuízo tería que intervir na plataforma informática de reserva e deseñar un único billete "infalsificable" que os usuarios teñan que retirar nos despachos de billetes.
Escribe o teu comentario