Segunda xornada de caos nas viaxes ás Cíes, con centos de turistas afectados

As navieiras venderon máis billetes dos permitidos, provocando colas de persoas ás que lles negan o embarque.


|

CiescolasColas de visitantes que quedaron en terra.


A venda de billetes por encima do límite permitido para o arquipélago de Cíes (2.200 visitantes diarios) volveu deixar en terra centos de turistas, que este luns se aglomeraron na estación marítima de Vigo, formando longas colas.


Segundo explicaron os propios afectados, empregados das navieiras Mar de Ons e Piratas de Nabia trasladáronlles que non poderían embarcar con destino ás Cíes, a pesar de que moitos deles tiñan os seus billetes comprados por internet desde hai semanas. As empresas propuxéronlles, como alternativa, viaxar a Ons, ou ben a devolución do importe das pasaxes.


Na mañá deste luns vivíronse algúns momentos de tensión entre os afectados e empregados das navieiras. Os primeiros denunciaron que "en ningún momento" lles puxeran sobre aviso de que poderían quedar en terra por superarse o límite de visitantes a estas illas do Parque Nacional Illas Atlánticas.


É o caso de dous avogados madrileños, que sacaron o seu billete 'en liña' o pasado 8 de agosto e recollérono nos despachos de billetes o pasado venres, "sen que ninguén avisase de que isto podería pasar". De feito, advertiron de que, ademais de interpoñer a correspondente reclamación nas oficinas de Mar de Ons, estudarán presentar unha denuncia nos xulgados "por se a empresa incorreu nunha estafa".


Outro grupo de afectados, tres mozos procedentes de Guadalaxara, e que tamén presentaron a súa reclamación, denunciaron que a suspensión da súa viaxe carrexoulles numerosos inconvenientes. "Vimos de Caldas de Reis, pagamos peaxes, gasto de gasolina, e agora chegamos e ofrécennos ir a Ons, cando nós viñemos para ir ás Cíes", lamentou un deles.


A tensión crecente e o malestar dos viaxeiros obrigou a intervir, a media mañá, a axentes da Policía Nacional, despois de que unha empregada dunha das navieiras denunciase unha suposta agresión dun afectado. O home negou a dita agresión, e os policías interviñeron para "acougar os ánimos", segundo confirmaron fontes de Comisaría.


NAVIEIRAS


Pola súa banda, nin Mar de Ons nin Piratas de Nabia deron explicacións públicas, máis aló dun comunicado emitido pola primeira das navieiras o domingo, no que asegura que estaba "a atender" os viaxeiros afectados e que esperaría a coñecer as "motivacións" do Parque Nacional para limitar a cota de visitantes.


Á marxe dos motivos da suspensión de viaxes, tampouco as empresas quixeron confirmar cantos barcos puideron saír desde Vigo en dirección a Cíes. Algunhas testemuñas presentes na estación marítima confirmaron que Mar de Ons realizou unha viaxe á primeira hora da mañá, mentres que Nabia realizaría outra, pero só con campistas e traballadores a bordo.


Por outra banda, outra das navieiras que opera no verán con viaxes ás illas, Cruceiros Rías Baixas, si que confirmou que os seus barcos das 9,30 e das 11,30 saíron cara a Cíes "sen problemas".


Este domingo, centos de persoas quedaron en terra por superarse o límite de visitantes, e outras moitas, que chegaron a subir aos barcos, foron levadas de volta ao porto de Vigo sen chegar a desembarcar. A Xunta está a tramitar varias denuncias contra catro navieiras por exceder o límite de viaxeiros durante polo menos dúas xornadas a principios de agosto.

relacionada Pasaxeiros obrigados a volver a Vigo sen pisar as Cíes pola masificación

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE