Feijóo, Caballero, Noriega e Ferreiro acudirán á manifestación de Barcelona
Por distintas obrigacións dos seus cargos, o resto de alcaldes das cidades non se desprazarán á cidade condal.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acudirá este sábado á manifestación contra o terrorismo convocada en Barcelona en sinal de repulsa polos atentados na Rambla e Cambrils. Ademais, a esta marcha tamén irán os alcaldes de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
Fontes do Goberno galego confirmaron que o máximo mandatario autonómico encabezará a representación galega nesta mobilización convocada por mor dos atentados xihadistas que cobraron a vida de quince persoas e deixaron máis dun cento de feridos en Cataluña.
Así mesmo, anunciou a súa presenza o rexedor da cidade olívica, Abel Caballero, que asistirá en calidade de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para trasladar a súa solidariedade e expresar o seu desexo de "convivencia pacífica".
Caballero, avanzou que haberá unha "ampla representación" da Xunta de Goberno da FEMP nese acto e destacou que se trata dunha convocatoria "aberta" para que participen tamén todos os alcaldes e dirixentes locais que así o desexen.
Precisamente, tamén participarán na marcha o rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, e o de Santiago de Compostela, Martiño Noriega. Ambos os cargos de En Marea acompañarán a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, nesta convocatoria en rexeitamento á violencia.
Desta forma, os rexedores da marea galega arrouparán a Ada Colau, quen na última campaña electoral autonómica en Galicia visitou a Comunidade para apoiar a En Marea, formación afín á súa, Barcelona en Comú.
Pola súa banda, non acudirán á cita por obrigacións nas súas respectivas cidades os alcaldes de Ferrol, Jorge Suárez; Lugo, Lara Méndez; e Ourense, Jesús Vázquez. Tamén estará ausente o de Pontenvedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que nestes momentos se atopa de viaxe institucional a México.
Escribe o teu comentario