Traballos precarios e mal pagos, o panorama laboral dos mozos galegos

Os sindicatos apuntan aos contratos temporais e os soldos baixos como lastre para unha xeración á que "se lle está negando o presente e o futuro".


|

Tallertrabajador


O sindicato UXT alertou este venres de que tres de cada catro mozos galegos menores de 25 anos teñen un contrato temporal (o 75,1%) á vez que os seus salarios son un 42,9% máis baixos que os do resto de idades.


Así o recolle o informe 'A precariedade no emprego xuvenil', elaborado polo sindicato con motivo da conmemoración este sábado do Día Internacional da Mocidade e no que sinalan que este colectivo é "vítima" en Galicia do desemprego e da precariedade laboral.


Para o sindicato, a situación do mercado laboral da mocidade en Galicia está marcada pola curta duración dos contratos, os elevados índices de temporalidade, a redución obrigada de xornada, a fenda xeracional e o exceso de horas extra.


MÁIS TEMPORALIDADE E SOLDOS BAIXOS


En Galicia, apunta UXT, a "realidade é que diminúe a contratación indefinida e aumenta a temporal", cunha taxa de temporalidade que "creceu case seis puntos no último ano entre os máis novos". Así, o 38% dos mozos menores de 30 anos teñen un contrato con duración inferior a seis meses, o que pon de relevancia a "vulnerabilidade" do colectivo.


O documento tamén constata, segundo informou en rolda de prensa a responsable de Xuventude de UXT Galicia, Mónica Rodríguez, que os mozos realizan un maior número de horas extras que o resto da poboación (unha 6,22% fronte ao 4,98%) e que o 26% das horas extras non pagas son a cargo de menores de 35 anos.


Do mesmo xeito, apuntou Mónica Rodríguez, os mozos galegos menores de 35 anos perciben salarios uns 21,9% inferiores ao do resto de idades e os menores de 25 un 42,9% por baixo. Ademais, entre 2010 e 2014, os menores de 25 anos viron reducido o seu salario un 10,3%.


En relación a esta cuestión, o 21,7% dos galegos menores de 35 anos teñen contrato a tempo parcial, fronte ao 13,9% do conxunto de idades. A taxa de parcialidade, di UXT, "dispárase ao 37,5% entre os menores de 25 anos".


BAIXA A POBOACIÓN ACTIVA


Fronte á diminución do desemprego entre os mozos na EPA do segundo trimestre deste ano, UXT apuntou cara á "perda alarmante de poboación activa" neste mesmo período e franxa de idade, de 14.600 persoas menos.


Isto pon de relevancia, indica o sindicato, o "efecto desánimo" da mocidade galega, que, "vendo as poucas perspectivas de emprego", decide "continuar formándose" ou "optar pola emigración".


Do mesmo xeito, UXT pide "non esquecer" o paro de longa duración, xa que en Galicia o 22,97% dos desempregados nesta situación son menores de 35 anos.


SEN PRESENTE NIN FUTURO


Comisións Obreiras denuncia tamén, con motivo da celebración do Día Internacional da Mocidade este sábado, a precarización das condicións de vida e traballo dos mozos. A xuízo do secretario de mocidade de CCOO, Omar Ceveira, a esta xeración "estáselle negando o presente e o futuro".


Neste sentido lamentou que en Galicia "só teñen emprego 322.500 mozos de entre 16 e 29 anos", o que supón o 38 por cento do total, mentres que a taxa de paro xuvenil se sitúa no 26,2 por cento, segundo os últimos datos recolleitos na Enquisa de Poboación Activa.


A este dato, sumou os efectos das "fórmulas de precarización" que arrasan a este sector da sociedade como o "auxe" da contratación a xornada parcial ou a curta duración dos contratos.


Por iso, CCOO alertou do "risco de pobreza da mocidade galega e española" e da "incapacidade para crear proxectos de vida e de futuro"; e é que, "segundo o Observatorio de Emancipación, só dúas de cada dez menores de 30 anos viven fóra do fogar familiar".


Así pois, os representantes sindicais reclaman "un cambio radical" nas políticas aplicadas nos últimos anos, "empezando polo incremento dos salarios, o reforzo dos servizos públicos e a aprobación dunha renda mínima".


Ademais, promoven "perseguir a temporalidade inxustificada e a fraude no tempo parcial e no traballo autónomo", entre outras medidas.

relacionada "Temporalidade" e "precariedade", dúas constantes nos novos contratos
relacionada Paulo Carril asume á fronte da CIG o "reto titánico" contra a precariedade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE