A ONCE e a Xunta renovan o convenio para atender os alumnos con discapacidade visual
Máis de 350 estudantes dos centro públicos terán acceso a material escolar adaptado e ao apoio de profesorado.
352 alumnos con discapacidade visual recibirán atención especializada.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a ONCE renovaron este mércores o convenio de colaboración que manteñen, ao que a Xunta destina máis de 210.000 euros. O obxectivo deste acordo é prestar atención especializada a 352 alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.
Nun comunicado de prensa, Educación explicou que o convenio permite que seis mestres exerzan as súas tarefas nos equipos específicos da organización, por medio dos cales se presta apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual.
Segundo indicou, a través deste acordo, facilítase o acceso ao alumnado con algunha discapacidade visual, e escolarizado en centros ordinarios, aos recursos tecnolóxicos e á transcrición e gravación a braille dos libros de texto e outro material.
En concreto, apuntou, a renovación permite "establecer un marco de colaboración" para a "atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave".
Ademais, promove a coordinación dos servizos educativos, a través da organización dos recursos das diferentes institucións, e a conformación de equipos específicos para a atención a este alumnado.
Escribe o teu comentario