Máis prazas nos voos que unen no inverno Santiago e Frankfurt
O aeroporto da capital estará conectado seis veces por semana coa cidade alemá e cun 21% máis de asentos.
Máis asentos na conexión con Frankfurt.
A compañía aérea alemá Lufthansa, tres meses despois da súa chegada a Santiago de Compostela, confirmou a continuación das súas operacións durante o próximo horario de inverno e avanza o cambio de avións para contar con máis asentos na conexión con Frankfurt.
Segundo informa a compañía, manterá "todas as frecuencias" no horario de inverno. Así, seguirá conectando a capital galega seis veces por semana co seu hub internacional de Frankfurt e dúas veces por semana co de Múnic.
Outra das novidades é que os voos da ruta Santiago de Compostela-Frankfurt pasarán a estar operados por avións Airbus A320, que dispoñen dunha configuración de 168 asentos, en substitución dos actuais Airbus 319, que contan con 138 prazas.
"Como consecuencia, a capacidade de asentos incrementarase nun 21%, respecto da tempada estival", destaca. Pola súa banda, os voos da ruta Santiago de Compostela-Múnic seguirán sendo operados por avións Airbus A320.
Escribe o teu comentario