Peche no Ministerio de Educación en loita polas bolsas
O proxecto enviado ás universidades en maio contou co seu rexeitamento. O Goberno aprobarao este mes.
Estudantes encerrados no Ministerio. //Foto: @EstUCLM
Máis dunha vintena de estudantes encerráronse nun edificio do Ministerio de Educación, onde pasaron a noite, para esixir ao Goberno que "non ignore" os membros do Consello de Estudantes Universitario do Estado (CEUNE) e que negocie con eles o Real Decreto sobre bolsas que se prevé que se aprobe este mes de xullo.
Os mozos acudiron o venres á reunión do Consello de Estudantes Universitarios para debater o decreto de bolsas que o Consello de Ministros ten pendente aprobar antes de que termine xullo e que regulará os limiares de patrimonio e renda requiridos para poder acceder a unha bolsa, así como a contía das bolsas e axudas ao estudo do curso que vén. Segundo criticou a organización estudantil CREUP tras o encontro, á reunión non acudiu o ministro, Íñigo Méndez de Vigo, algo que os representantes estudantís consideran "un desprezo".
Tras o encontro, segundo relata unha das mozas que participa na protesta nun vídeo desde a estancia na que permaneceron toda a noite facendo unha "sentada" de protesta, os representantes estudantís mantiveron unha negociación de 5 horas con persoal do ministerio que terminou sen alcanzar un acordo. "Plantáronnos", aseguran os estudantes.
Entre as esixencias da protesta, segundo explicaba a estudante, figura levar a cabo unha negociación sobre o decreto de bolsas que leve aparellado "un compromiso de portas para fóra" por parte de Méndez de Vigo e que este compareza cos estudantes nunha rolda de prensa para anuncialo publicamente. "Ata entón imos quedar aquí sentados esperando a que se mostre ese compromiso", aseguraba.
Fontes do ministerio defenderon que o sistema actual "impide que os mozos queden sen estudar por motivos económicos" mediante o mantemento dos limiares de renda e lembraron que o ministerio non vai rebaixar a nota media para optar ás axudas do 5,5 ao 5, en liña coa "defensa da cultura do esforzo".
O proxecto de real decreto de bolsas pasou polo Consello de Universidades a principios do mes de maio, que emitiu un informe desfavorable. Os reitores consideran que a nota para as bolsas de matrícula ten que volver ao 5, unha reivindicación que se mantén desde que en 2012 o Goberno de Mariano Rajoy elevase os requisitos académicos.
Escribe o teu comentario