En Marea esixe ao Goberno que pague as bolsas universitarias a principio de curso
Alexandra Fernández asegura que, pasado o ecuador do ano escolar, existen queixas de estudantes que aínda non cobraron as súas bolsas.
O grupo parlamentario de En Marea no Congreso reclamou ao Goberno español que as bolsas do Ministerio de Educación se entreguen a principio de curso e, deste xeito, terminar cos atrasos na súa adxudicación que se producen cada ano.
A través dun comunicado emitido este luns, a deputada de En Marea Alexandra Fernández instou ao Goberno estatal a cambiar o sistema actual de bolsas xerais da universidade, impulsada en 2013 con José Ignacio Wert á fronte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Dita norma estableceu "unha parte fixa e unha variable", unha cuestión que foi "moi criticada" polo alumnado e a comunidade educativa porque "some nunha auténtica incerteza" aos estudantes, segundo apuntou Fernández.
Así, reclamou ao PP que poña fin a unha "política" relativa ás bolsas "involucionista, regresiva e clasista" que "non garante o acceso universal á Educación", o que evidencia a "clara aposta" dos populares "por un ensino elitista".
ATRASOS NA ENTREGA DE BOLSAS
Ademais, En Marea criticou que "de novo" están a producirse atrasos na entrega das 'bolsas Mec', o que está a provocar que desde o inicio de 2017 "crezan por días as queixas e denuncias de estudantes" que, xa pasado o ecuador do ano escolar, aínda non cobraron as bolsas.
Deste xeito, denunciou que esta situación "ocasiona importantes problemas económicos aos estudantes e ás familias" que contan coas bolsas para planificar os cursos pero que, ante o paso dos meses sen recibilas, "comezan a ter problemas, nalgúns casos con consecuencias graves".
"As bolsas son un elemento fundamental para que os estudantes con menos recursos poidan estudar. Son un factor que garante a igualdade e o acceso universal á educación", lembrou Alexandra Fernández.
Escribe o teu comentario