O modelo oficialista imponse ás teses dos críticos de En Marea

As liñas dos dous documentos, "incompatibles" entre si, imposibilitaron o pacto. As votacións dos puntos máis conflitivos foron axustadas.


|

VillaresplenarioO pazo de Congresos de Santiago acolle o plenario. //Foto: En Marea


O documento oficialista sobre o modelo para seguir por En Marea impúxose este sábado ás teses presentadas polo sector crítico e que contaban co respaldo do histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras en favor de dotar a formación dunha "maior radicalidad edemocrática".


Tamén en canto ao regulamento da Coordinadora e á portavocía se impuxeron as opcións continuístas, co rexeitamento das emendas dos descontentos.


Ao plenario saíu o propio portavoz, Luís Villares, a defender a súa visión e a reiterar a súa oferta de pacto, que non foi tida en conta; mentres o texto de 'Recuperar En Marea', concibido como unha emenda á totalidade, foi presentado por Antón Dobao.


Durante a intervención de Villares foron constantes as chamadas á "incorporación total" das emendas dos críticos e, de feito, apelou ao "principio de fraternidade" como forma de construír unha "fronte ampla de esquerdas".


Con todo, Antón Dobao obxectou que as liñas dos dous documentos son "incompatibles", xa que o seu grupo oponse á deriva cara a "un partido clásico" que tomou, ao seu xuízo, a formación rupturista.


"Non é un debate dunha persoa ou de cargos. É un debate do que somos e queremos ser", incidiu Dobao, para logo criticar que, ao longo dos últimos meses, En Marea transixiu e derivou "cara a "un partido clásico", o que contradi o espírito de "unidade popular" que, segundo esta liña, "non pode morrer nunha coalición electoral".


"NON NOS OBRIGUEDES A ESCOLLER"


Tras isto, Villares volveu ao estrado para censurar que, na exposición da emenda á totalidade, os críticos non argumentaran "en que consistía a imposibilidade de acumular un documento a outro". "Non nos obriguedes a escoller", pediu.


"Esta é unha emenda é á totalidade da proposta política", respondeu Dobao, quen remarcou o carácter "contraditorio" dos textos, xa que os críticos propoñen "unha maneira de entender este espazo de forma diferente".


Enmareavotacionplenario


PORTAVOCÍA ÚNICA


O plenario de En Marea apoiou a continuidade de Luís Villares como portavoz único da formación rupturista, logo de que a emenda á totalidade do regulamento da coordinadora presentada polo sector crítico fose rexeitada.


Esta emenda, impulsada por 'Recuperar En Marea' (o grupo que engloba os descontentos co rumbo tomado polo partido tras a elección da actual coordinadora), recibiu 241 votos en contra polos 209 emitidos a favor.


No debate do regulamento da coordinadora, Mariano Fernández (Marea Atlántica) puxo voz aos críticos para acusar á actual dirección liderada por Villares de non respectar os acordos orgánicos do plenario fundacional de En Marea, celebrado en Vigo hai un ano.


Entre as propostas da emenda dos críticos con Luís Villares, incluíase que o cargo como portavoz fose ocupado por tres persoas e tivese carácter rotatorio e reclamábase unha "maior redistribución" do traballo entre os membros do Consello das Mareas.


"PARTIDO TRADICIONAL"


Así, cren que os órganos de dirección viraron cara a unha configuración de partido tradicional, no que a coordinadora exerce como unha "executiva tradicional" e a portavocía converteuse "nunha secretaría xeral". "Isto non é un partido instrumental, é un partido", concluíu Mariano Fernández.


Ademais, tras lembrar que os textos de Vigo "seguen vixentes", xa que non foron modificados no plenario celebrado meses despois en Santiago, fixo fincapé en que establecen que a función da coordinadora é "executar" os acordos do Consello das Mareas ou impulsar aquelas cuestións que "non poidan esperar" a ser ratificadas polo órgano máximo de dirección de En Marea.


ELIXIR A COORDINADORA DIRECTAMENTE


En paralelo a este debate, tampouco foi asumida pola maioría do plenario unha emenda parcial que propoñía que os membros da coordinadora fosen elixidos directamente polos inscritos.


Finalmente, tras o debate sobre a coordinadora, a asemblea tamén rexeitou a emenda á totalidade presentada por 'Recuperar En Marea' sobre o regulamento do propio Consello das Mareas.


Mareaplenario


CONTRA OS VENTRES DE ALUGUER


O plenario de En Marea aprobou os informes de rendición de contas do Consello das Mareas e do grupo parlamentario na Cámara galega; así como un documento polo que a forza rupturista se sitúa en contra da xestación subrogada ao entender que pode "vulnerar" os dereitos da muller.


O deputado na Cámara galega Pancho Casal foi o encargado de render contas ante os asistentes sobre o traballo desenvolvido no grupo parlamentario durante os nove primeiros meses da presente lexislatura.


Así, durante a súa intervención, Casal destacou o carácter "propositivo" das preto de 2.000 iniciativas presentadas no Pazo do Hórreo, onde En Marea tamén levou 577 proposicións non de lei, nove proxectos de lei e máis de 1000 preguntas parlamentarias.


Con todo, comentou que o grupo parlamentario está aínda "en construción", xa que "moitos" dos deputados carecían de "experiencia parlamentaria" previa, polo que apelou á "colaboración" de "todos" para paliar as "moitas carencias" que, segundo recoñeceu, presenta o traballo de En Marea na cámara.


FALTA DE TRABALLO "NA RÚA"


Neste punto, durante a quenda de intervencións, varios inscritos criticaron a falta de "traballo na rúa" dos deputados e lembráronlle a Casal que a política "non se resume" no "número de proposicións" que se presentan nas cámaras.


Nesta liña expresouse a membro do Consello dás Mareas Gladys Afonso, quen se mostrou partidaria de endurecer o discurso no Pazo do Hórreo.


"Non queremos reformar, queremos romper e cambiar o sistema", aseverou, logo de criticar que "moi poucos" deputados participaron "en mobilizacións populares".

relacionada Villares tende a man aos críticos e avoga por fusionar as teses políticas
relacionada Beiras sitúase do lado dos críticos de Villares de cara ao conclave

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE