Os traballadores dos autobuses manteñen os plans de folga indefinida

As patronais de Lugo e Ourense, as máis afectadas na primeira fase do plan, non dan mostras de achegamento.


|

Estacionbusessantiago


Os traballadores de autobuses decidiron este mércores --na oitava xornada de folga, de novo cun elevado seguimento e un importante incumprimento dos servizos mínimos-- que a presión a nivel galego debe seguir, a pesar de achegamentos nas últimas horas coas patronais da Coruña e Pontevedra.


En asembleas celebradas de novo á primeira hora da mañá nas principais estacións de bus da comunidade, os profesionais do sector apoiaron continuar coa "unidade" dunha folga que abarca a toda Galicia, e que desde este xoves será indefinida.


Isto é así despois de que os empresarios trasladasen, nunha reunión este martes, a súa vontade de levar a negociación ao ámbito provincial, carácter que teñen os convenios.


"Polo momento dixeron que segue a unidade de Galicia", sinalou, en declaracións a Europa Press, a portavoz de UXT en materia de transporte, Beatriz Meilán, quen, con todo, non descarta que esta opción evolucione no que queda de semana.


Na Coruña, do mesmo xeito que en Pontevedra, as compañías mostraron a súa "disposición de desbloquear" a negociación colectiva, algo que non ocorre en Ourense nin en Lugo.


Así, de feito, o representante de CC.OO. Marcos Pérez denunciou que son dúas firmas concretas da provincia ourensá, Anpian e Autos González, as que "están a rebentar calquera tipo de diálogo", e acusou aos seus responsables de "exportar o seu modelo" de "dereitos laborais da época romana" ao resto do territorio. Pola súa banda, Meilán apuntou que algo similar ocorre na provincia luguesa.


Estas dúas provincias son, de feito, as máis afectadas pola primeira fase de implantación do novo plan de transporte de viaxeiros por estrada da Xunta, que prevé unha reordenación das liñas e implantación do transporte integrado --regular e escolar-- nalgunhas rutas.


Pérez subliñou que está en marcha un comité de folga autonómico e que a vía de solución "non pasa por precarizar Ourense", polo que viu "complicado" que as conversacións avancen nos próximos días nas outras provincias se no caso ourensán a patronal non fai tamén xestos a favor dun verdadeiro achegamento.


O PRINCIPAL ATRANCO


O convenio de Ourense leva sen actualizarse desde 2012, mentres que o de Pontevedra data do 31 de decembro de 2011 e os da Coruña e Lugo non se renovan desde 2015.


O principal atranco nas conversacións entre centrais e federacións de empresas céntrase na subida salarial que esixen os representantes dos traballadores.


As compañías alegan que, para acometer este incremento, deberían deixar de ter sobre a mesa a "incerteza" do plan da Xunta e o Goberno galego, ademais, tería que abonar os atrasos que aseguran que debe do IPC do transporte escolar e da actualización das tarifas do regular desde 2013.


ENVÍO DE INVITACIÓNS


Pola súa banda, a Consellería de Infraestruturas, que publicou este martes os 41 contratos da primeira fase do plan na internet, comezou este mércores a súa licitación, mediante o envío de invitacións ás empresas que manifestaron interese.


Ademais, aquelas firmas que aínda non deses esas mostras por facerse con algún dos contratos, teñen o día de hoxe para apuntarse, segundo explican fontes do departamento autonómico.

relacionada Feijóo promete ás empresas do transporte que "non perderán diñeiro"
relacionada Galicia quedará sen autobuses a partir da semana que vén

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE