O Banco de España estima que o PIB creceu un 0,9% no segundo trimestre
O consumo privado recuperou un maior vigor durante a primavera, apoiado na xeración de postos de traballo e condicións financeiras favorables.
O Banco de España estima que o PIB creceu un 0,9% no segundo trimestre do ano, unha décima máis que no primeiro e dúas máis que no cuarto trimestre de 2016, grazas ao "maior vigor" do consumo privado.
Así figura no Boletín Económico do organismo supervisor, publicado este xoves e que inclúe o informe trimestral da economía española, no que destaca que o ritmo de avance da actividade "intensificouse ao longo da primeira metade do ano".
O organismo supervisor destaca que a información dispoñible indica que, tras a perda de empuxe observada nos primeiros meses do ano, o consumo privado "recuperou un maior vigor durante a primavera", apoiado na continuación do proceso de xeración de postos de traballo e na prolongación de condicións financeiras favorables.
Ademais, o investimento en construción podería acentuar tamén o ton positivo mostrado no primeiro trimestre, dacordo coa información procedente dos indicadores actuais.
Pola contra, o gasto en bens de equipo moderaría o seu ritmo de avance, tras mostrar un crecemento moi elevado ao comezo do ano.
Escribe o teu comentario