Máis de 30 concellos da Coruña únense para visibilizar a diversidade sexual
A campaña, que impulsa a Deputación da Coruña, móvese en redes sociais baixo o hashtag #construíndodiversidade.
O Teatro Colón, iluminado coas cores do orgullo // Deputación da Coruña
Máis de trinta concellos da provincia da Coruña participan na campaña 'Construíndo Diversidade' que impulsa a Deputación da Coruña para contribuír a defender a diversidade e os dereitos da comunidade LGTBQI.
A iniciativa, impulsada pola área de Igualdade do organismo provincial, realízase en conmemoración da data reivindicativa dos dereitos da comunidade LGTBQI. Así, arrinca este luns coa iluminación da fachada do Teatro Colón, que lucirá as cores do Día do Orgullo ata o día 30.
A campaña, que circulará polas redes co hastag #construíndodiversidade, destaca, segundo informa o organismo provincial, "por supoñer un paso adiante na colaboración de concellos coa Deputación á hora de promover unha iniciativa que ten como obxectivo incrementar a súa visibilidade".
A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Carballo, Cariño, Cedeira, Culleredo, Fene, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Ponteceso, Rianxo, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Tordoia e Vilasantar son os concellos participantes nesta iniciativa.
A campaña centrarase nun deseño baseado no xogo de construír palabras como metáfora da construción de diversidade do lema a través de pezas que forman os termos Lesbiana, Gai, Transexual, Bisexual, Queer e Intersexual cunhas iniciais que toman preponderancia na imaxe con cores do arco iris, símbolo da comunidade LGTBQI.
A FEGAMP FAI UN CHAMAMENTO Á IGUALDADE
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) súmase á conmemoración este mércores do Día do Orgullo LGTBI animando á sociedade a "celebrar a diversidade" pedindo "respecto, dignidade e autoestima a todas as persoas".
Nun comunicado, a Fegamp destaca que ano tras ano "son máis" os concellos que contribúen coas súas políticas "á non discriminación de calquera colectivo" e anima aos municipios "para unirse á visibilización desta causa".
Así, "as cores do arco iris lucirán diante de moitas casas consistoriais", e a entidade anima aos galegos a que se somen aos actos programados nos seus municipios para facer un chamamento "conxunto á igualdade".
Escribe o teu comentario