Prisión provisional para o presunto autor do crime da noite de San Xoán
Á entrada do xulgado foi recibido por centos de persoas ao berro de "asasino", "vas morrer no cárcere" e "a culpa é de quen permite que esteas na rúa".
O xulgado de instrución número 2 de Redondela (Pontevedra) decretou este luns o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de José Luis L.P, o home que supostamente matou dun tiro a un mozo na praia de Arealonga, en Chapela, na pasada noite de San Juan.
Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a instrución séguese contra este home por dous supostos delitos, un de asasinato consumado e outro de asasinato en grao de tentativa.
Ademais da comparecencia deste detido, que ten un amplo historial de antecedentes delituosos, este luns pasaron tamén polo xulgado de Redondela que leva o caso cinco testemuñas dos feitos.
Pouco antes das 11,30 horas, escoltado por varias unidades da Policía Nacional, o home chegaba ao xulgado de Redondela, onde se congregaban decenas de persoas, que o recibiron ao berro de "asasino", "vas morrer no cárcere" e "a culpa é de quen permite que esteas na rúa".
O suceso produciuse na madrugada do sábado, coincidindo coa celebración da noite de San Xoán. A vítima, de 25 anos e residente en Vigo, recriminou unha actitude incívica ao suposto asasino, que se puxo a ouriñar desde unha varanda cara a onde se atopaba un grupo de mozos.
Segundo as testemuñas, sen mediar palabra, o home disparou contra o mozo de 25 anos e un amigo, que subiron a recriminarlle a súa actitude, alcanzando ao primeiro no peito.
Escribe o teu comentario