O PSdeG ve "privilexios" na contratación de estudos para o plan do transporte público

O departamento de Ethel Vázquez nega rotundamente estas informacións e convida a acudir á xustiza a quen teña indicios. 


|

Psdeginfraestructuras


O deputado do PSdeG Raúl Fernández acusou á Xunta de "privilexiar" á empresa que asesora á Consellería de Infraestruturas en materia de mobilidade coa contratación dos estudos para a planificación do transporte público.


O portavoz de Transporte dos socialistas galegos na Cámara presentou unha serie de iniciativas parlamentarias nas que denuncia que a empresa Iplan Mobilidade se viu "privilexiada" por unha "posición non neutral" en relación ás contratacións coa Dirección Xeral de Mobilidade.


Segundo criticou, esta entidade conseguiu "a metade dos lotes contratados, repartidos en seis áreas territoriais". "Dita empresa ten accionariado e administración común con Tema Enxeñería, S.L, adxudicataria dos contratos para a realización da nova planificación de zona de oeste da Coruña", indicou Raúl Fernández.


O socialista asegura que a cantidade adxudicada pola Consellería ás dúas empresas superou os 550.000 euros. Por iso, reclamou formalmente ao departamento autonómico que "remita a copia completa dos expedientes de contratación relativos á planificación do sistema de transporte público de viaxeiros, así como do servizo de asesoramento e asistencia á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte colectivo regular nos últimos anos".


"A Consellería non respecta o principio fundamental de igualdade entre as empresas ofertantes, posto que unha delas posúe unha información privilexiada que as demais non poden ter, gozando dunha posición a priori xa dominante e ademais contraria á legalidade", sinalou.


A XUNTA NÉGAO TODO


A Consellería de Infraestruturas e Vivenda negou rotundamente as acusacións de PSdeG sobre os contratos públicos e lembrou que todos os interesados poden solicitar os expedientes de contratación tramitados por este departamentos para consultalos.


Infraestruturas ha convidado a acudir á Xustiza a "quen teña indicios dalgunha irregularidade" xa que, segundo indicou, a Administración autonómica será "primeira interesada en clarificalo".


"Os contratos de planificación e asistencia técnica formalizados por ese centro directivo realízanse, como todos os da Xunta, mediante procedementos regrados e transparentes", deixou claro o departamento que dirixe Ethel Vázquez.


En relación co contrato para o asesoramento e asistencia á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte público colectivo regular de uso xeral, a Xunta destacou que foi licitado no Diario Oficial de Galicia o 22 de xullo de 2016 mediante un procedemento público e aberto, con garantías de concorrencia para todas as empresas relacionadas co obxecto do contracto.


"É o mesmo caso de licitación, mediante procedemento público e aberto, da contratación dos servizos para a planificación do sistema de transporte público de viaxeiros integrado coa prestación do transporte baixo demanda en seis zonas de Galicia, anunciada no Diario Oficial de Galicia o 7 de outubro de 2016", indicou.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE