Galicia, en prealearta por onda de calor
Espéranse "valores extremos" a partir do mediodía do venres | Sábado, domingo e luns haberá máximas altas e mínimas por encima de 20 graos.
A comunidade galega atópase en situación de prealerta por onda de calor ante as temperaturas extremas que afectarán o territorio a partir deste venres.
Así o trasladou a Xunta a través do Comité do Plan de Calor, que advirte nun comunicado que as temperaturas empezarán a alcanzar "valores extremos" a partir do mediodía do venres.
As previsións apuntan a mínimas superiores aos 20 graos durante a noite de venres a sábado nalgúns puntos do sur da comunidade, dada a previsión de anticiclón, a práctica ausencia de vento e a persistencia de aire cálido.
Durante sábado, domingo e luns, espéranse máximas con valores extremos e mínimas por encima dos 20 graos.
As zonas máis afectadas serán o Miño de Ourense e de Pontevedra, Valdeorras, o interior de Pontevedra e o suroeste da Coruña.
Ante estas previsións, a Consellería de Sanidade recomenda beber moitos líquidos, o uso de pezas lixeiras e folgadas, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares e permanecer en espazos ventilados ou acondicionados.
Escribe o teu comentario