Unha nena de 4º de primaria obtén menos nota nun exame por escribir 'Galiza'

|

Clase


A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar un caso de inxustiza lingüística sufrido por unha nena de 4º de primaria no CEIP Santa Irene de Porto do Son.


Segundo explica a Mesa nun comunicado, a nai da rapaza afectada contactou con eles, a través da Liña do Galego, "para consultar se podían quitarlle puntuación nun exame de Ciencias Sociais á súa filla polo uso da forma 'Galiza'". Os pais presentaron unha reclamación na que explicaban e xustificaban que non se lle podía contabilizar como falta de ortografía o termo Galiza.


Segundo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas polo plenario da Real Academia Galega en 2003: "Galiza tamén é unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada da época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”.


A Mesa indica que, alén disto, "o termo Galiza é lexítimo e correcto polo que non se pode cualificar de falta de ortografía".




A dirección do centro nun escrito do 6 de xuño reafirmouse na súa postura no que conta co aval da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística censuran a "actitude sectaria do profesor, da directora e da Secretaría Xeral de Política Lingüística que en lugar de velar polos dereitos lingüísticos dedícanse a perseguir a unha nena por empregar Galiza, que posúe unha terminación máis propia do noso idioma".


O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reclamoulle á Xunta de Galiza que cumpra “coa súa obriga de garantir os dereitos lingüísticos” e lembrou que a Mesa recibe moitas queixas por vulneración de dereitos lingüísticos no ensino.


Aseguran desde a Mesa que o caso de restar puntuación nun exame polo emprego da forma Galiza "non é un caso illado", e animan a denunciar a través da Liña do Galego da Mesa todos os "casos de discriminación lingüística". 


"É intolerábel que en 2017 os nenos e nenas teñan que aturar este tipo de actitudes por parte do profesorado. Esta é unha das consecuencias da aplicación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo que hai que derrogar sen demora".


Marcos Maceira, cualificou o trato dado á nena por parte do profesor de “indignante e antipedagóxico”.


Desde a Mesa pola Normalización Lingüística diríxense tamén á valedora do Pobo, ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que "adopten medidas para que estas situacións non se volten a producir". 

relacionada O Rexistro de Corcubión négalle o dereito a unha moza a galeguizar o seu apelido
relacionada A Xunta estenderá a educación plurilingüe ao 100% do alumnado galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress