O Seprona detén un home en Soutomaior por maltratar a 15 cans
A "maioría" presentaban "feridas sanguentas, problemas de pel e evidentes signos de desnutrición".
Un home de 42 anos de idade, con iniciais I.G.A., foi detido por un suposto delito de malos tratos animais continuados con 15 cans que se atopaban nunha leira da súa propiedade en Soutomaior (Pontevedra).
Así o informou o Seprona a través dun comunicado, no que fixo fincapé no "estado lamentable" no que se atopaban os animais. A "maioría" deles, como relatou, presentaban "feridas sanguentas, problemas de pel e evidentes signos de desnutrición".
Co apoio dos servizos veterinarios da Xunta, os axentes detectaron ata 15 cans "nunha situación deplorable, tanto polo seu evidente estado de desnutrición como pola falta das máis elementais condicións hixiénico-sanitarias".
Ademais, como subliñou o Seprona, nunha das estancias da casa achouse un can "totalmente desnutrido, que falecera recentemente", e nunha canceira contigua localizáronse os cadáveres de outros dous animais "en proceso de descomposición".
Neste escenario, os animais foron entregados ao Centro de acollida e protección da Deputación de Pontevedra e o propietario dos animais foi detido. O xulgado de garda de Redondela deixouno en liberdade con obrigación de comparecer cando sexa citado.
Escribe o teu comentario