Abren xuízo oral contra os acusados de malversación na Fundación Cela
A xuíza impón aos catro acusados a obriga de prestar fianza solidaria por importe de 200.000 euros.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Padrón ditou un auto no que decreta a apertura de xuízo oral para xulgar o abono dunha indemnización de 150.000 euros por malversación en relación ao despedimento no ano 2010 do director xerente da Fundación Camilo José Cela de Iria Flavia, que se celebrará con tribunal de xurado.
Por esta contía están acusados o propio Tomás Cavanna; a que entón era presidenta da entidade, Mariña Castaño; o expatrono Dositeo Rodríguez; e a súa filla, Covadonga Rodríguez.
Segundo a resolución, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Padrón ditou auto de apertura de xuízo oral na causa da Fundación Cela que se segue polo suposto delito de malversación.
En concreto, a causa diríxese contra catro persoas: a presidenta da fundación no momento dos feitos, un membro do padroado, a filla deste e subdirectora da entidade e o director xerente.
Segundo o auto feito público este venres, "todos eles, de común acordo" e para "beneficiar" ao director da fundación, "simularon o despedimento deste e acordaron que a indemnización que lle correspondía polos servizos prestados era de 150.000 euros brutos".
A titular deste xulgado, Paula Ventosa, concreta que adoptaron esa decisión "a pesar de ser conscientes todos eles que non se trataba dun despedimento, senón que C.B (o xerente) quería abandonar voluntariamente a fundación".
No momento da comisión dos feitos investigados, a Fundación Camilo José Cela "era unha fundación do sector público de Galicia, en virtude do disposto no artigo 58 da Lei de Interese Galego", segundo concreta o auto.
"Carácter público da Fundación que era coñecido polos acusados, posto que desde o ano 2007 máis do 50 por cento dos seus ingresos proviñan de subvencións públicas", indica o auto xudicial.
Ademais, a xuíza impón aos catro acusados a obrigación de prestar fianza solidaria por importe de 200.000 euros, segundo se concreta no auto xudicial.
TRIBUNAL DE XURADO
O avogado da acusación particular, Xosemaría Rodríguez, concretou, pola súa banda, que o auto decreta a competencia do tribunal do xurado para xulgar os feitos.
De feito, no auto a xuíza concreta que "a competencia para axuizar o delito previsto no artigo 432 do Código penal cuxa comisión se atribúe aos acusados é do Tribunal do Xurado, posto que así se establece no artigo 1.2.h da LOTJ".
As defensas pediron o luns no xulgado en Padrón o sobresemento e, no caso de que non se aceptase, opoñíanse tamén ao sistema de xurado popular.
Escribe o teu comentario