Condenan a unha lucense a devolver un décimo premiado do Gordo que atopou e cobrou
O fallo descarta a "subtracción" e tamén a adquisición legal do décimo, e conclúe que o "plausible" é que a muller o atopase.
Unha veciña de Lugo, R.R.F., foi condenada a devolver 320.580 euros dun décimo premiado da Lotería de Nadal de 2014, que se atopou e cobrou. O fallo xudicial, aínda apelable, ratifica que a lucense cometeu un delito de apropiación indebida e súmalle a pena de seis meses de multa cunha cota diaria de seis euros --1.080 euros--.
A sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Lugo dá por probado que a propietaria lexítima comprou sete décimos da Lotería de Nadal do 22 de decembro de 2014, "extraviando en data indeterminada", entre o día 18 e o 21 de decembro, un deles, ao que estampara unha inscrición a lapis "co nome de Inés na parte posterior".
O décimo resultou premiado co primeiro premio do Sorteo de Nadal, ao que correspondía un importe de 400.100 euros sen o desconto de impostos.
R.R.F. atopou o décimo nun momento non determinado e, comprobado que fora premiado, "tentou borrar a referida inscrición que tiña na súa parte posterior".
A continuación, presentouno nunha oficina bancaria, onde tramitaron o seu cobro obtendo un ingreso líquido, unha vez deducidos os impostos legais, de 320.580 euros, que lle foron ingresados na súa conta, e a mesma cantidade coa que agora ten que indemnizar á propietaria.
"SOLUCIÓN PLAUSIBLE"
A sentenza descarta que se producise unha "subtracción" do décimo e tamén a versión de que este fose "adquirido legalmente" por parte da acusada. Sostén que é "improbable en extremo" e argumenta que a representante da administración de loterías afirmou "con rotundidade" que "de ningún xeito" pon á venda un billete de lotería que "aparecese perdido" ou que alguén entregue nesas circunstancias.
Por tanto, conclúe que "a única solución plausible e evidentemente lóxica" é que a acusada "o atopase perdido". Tamén incide en que está probado que tentou "borrar a lenda a lapis que aparecía ao dorso", manobra "evidentemente tendente a evitar a súa identificación como o billete de lotería extraviado.
A sentenza non é firme e, contra a mesma, cabe recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo.
Escribe o teu comentario