Reino Unido pode non dar información sobre Ignacio Echeverría ata mañá
É o prazo que as autoridades británicas lle deron á familia e que o ministro de Interior cualifica como "inhumano" e "desesperante".
Reino Unido tardará "24 ou 48 horas" en dar información sobre o español de orixe galega, Ignacio Echeverría, desaparecido desde o pasado sábado cando se perdeu a súa pista no atentado yihadista de Londres.
Así llo trasladaron as autoridades británicas o martes á familia de Ignacio, como informou o irmán do desaparecido, Joaquín Echeverría, en Facebook: "Seguimos sen noticias de Ignacio Echeverría. As autoridades británicas pídennos 24 ou 48 horas máis para darnos información".
A pesar de non haber información oficial, OKDiario asegurou este martes citando fontes do Ministerio de Interior que o galego desaparecido é un dos sete falecidos, segundo a identificación parcial levada a cabo.
O ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, tachou de "inhumano" e de "desesperante" que Reino Unido non dese aínda ningunha información. En declaracións a RNE recollidas por Europa Press, o ministro dixo que espera que "se reduza" o prazo de "24 ou 48 horas" que as autoridades británicas pediron para dar información.
Zoido, que recalcou que está "a acompañar" os familiares "en todo momento", destacou o seu "comportamento exemplar" ante unha situación tan "angustiosa": "Pasaron moitas horas", dixo Zoido, insistindo na petición de que "non se demore máis" a "angustia" de non saber o paradoiro de Echeverría.
O ministro entende que os protocolos de Reino Unido sexan "lentos", pero ve "estraña" tanta demora, especialmente porque se trata dun atentado terrorista. "Estráñame que estean a tardar este tempo para identificar unha persoa", subliñou.
Escribe o teu comentario